Mañá venres, ás 10:00 horas, terá lugar no Paseo do Balneario a inauguración oficial da Pink Weekend, a fin de semana dos descontos no comercio local de Arteixo. O acto contará coa participación da directiva do Arteixo CCA e do concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez. Serán os encargados de realizar a primeira tirada na ruleta da sorte.
 
INAUGURACIÓN DA PINK WEEKEND – ARTEIXO
Data: Venres 2 de outubro
Hora: 10:00h.
Lugar: Paseo do Balneario, nº 8 (á altura de Pratos Rotos)
 

13 establecementos diferentes participan na fin de semana dos descontos do comercio local, que se prolongará ata o próximo domingo.

Arteixo, 1 de outubro. As rúas de Arteixo tinguiranse de rosa esta fin de semana para celebrar a primeira edición da Pink Weekend. O venres 2 de outubro, ás 10 da mañá, comezará a rodar a ruleta da sorte instalada no Paseo do Balneario, en pleno centro da vila, para repartir case 2.000 euros entre agasallos e vales de desconto. Quen queira optar a algún destes premios só terá que mercar durante a fin de semana nalgún dos comercios indicados e presentarse co ticket de compra. Haberá prezos rebaixados en moitos produtos e o Arteixo Centro Comercial Aberto irá anunciando tamén sorteos online a través das súas redes sociais.

O evento prolongarase ata a domingo a mediodía e contará coa participación de 13 establecementos diferentes espallados polo núcleo urbano, cunha ampla oferta comercial que abrangue moda infantil, de home e muller, lencería, calzado, complementos, agasallos, xoiería, óptica ou audioloxía. Os locais con ofertas especiais estarán identificados cunha bandeirola rosa diante do escaparate e unha alfombra da mesma cor na entrada e os clientes terán á súa disposición, nun folleto informativo, un mapa coa distribución dos comercios inscritos.

A Pink Weekend é unha iniciativa do Arteixo CCA dirixida á dinamización da actividade comercial na localidade e adaptada as especiais circunstancias deste ano 2020. Esta primeira edición toma o relevo da xa tradicional Feira de Oportunidades de Arteixo e a súa celebración contará con plenas garantías sanitarias. Os establecementos participantes controlarán o cumprimento das limitacións de aforo establecidas, tal como veñen facendo no seu traballo diario, e tanto nos locais como no stand da ruleta da sorte adoptaranse as medidas hixiénicas precisas para ofrecer a maior seguridade a clientes e persoal.

 

Acto de inauguración da Pink Weekend, a fin de semana dos descontos no comercio local de Arteixo

O membro da directiva do Arteixo CCA David Pena e o concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, foron os encargados de realizar a primeira tirada na ruleta da sorte instalada no Paseo do Balneario.

Ata o próximo domingo, 13 establecementos da localidad ofrecerán prezos rebaixados e repartirán 2.000 euros en premios e vales de desconto.