O primeiro concerto do ciclo terá lugar na terraza do local este sábado, 3 de xullo, a partir das 12:30 horas e con todas as garantías sanitarias.

O Arteixo CCA, en colaboración con Distribuciones Cotelo, encargou a Bocamanga unha colección de vermús artesanais inspirados nas praias da localidade.

Arteixo, 2 de xullo. O Arteixo Centro Comercial Aberto quere impulsar a recuperación da actividade da hostalería a través dun ciclo de espectáculos, en formato sesión vermú, nas terrazas dos bares e cafeterías de Arteixo. Cada fin de semana, durante os meses de xullo, agosto e setembro, sempre que a meteoroloxía o permita, distintos establecementos irán rotándose para organizar os concertos de VERANeARTE, que estarán plenamente adaptados ás recomendacións sanitarias. O primeiro terá lugar o sábado 3, ás 12:30 horas, na cervexería Play e contará coa actuación do grupo de versións de pop-rock Alma Libre.

O acceso ás actuacións será gratuíto, pero o aforo estará limitado para garantir a distancia de seguridade entre as mesas e cumprir coas medidas establecidas dende a administración. Cada semana, o Arteixo CCA irá anunciando, a través das súas redes sociais, o nome do establecemento que acollerá a seguinte sesión vermú e a identidade da banda ou artista participante. Serán, en todos os casos, músicos locais cun espectáculo adaptado ao formato do ciclo.

Vermús de edición especial

Para darlle sabor a este ciclo de concertos, enmarcados na campaña de dinamización ‘Facemos Arteixo’, a organización encargou, en colaboración con Distribuciones Cotelo, unha colección de vermús de edición limitada, bautizada como VERANeARTE e inspirada nas praias de Arteixo. Son bebidas artesanais, elaboradas pola marca Bocamanga, etiquetadas co nome e a imaxe dos areais de Valcovo, Sabón, O Reiro, As Combouzas, Barrañán e A Salsa-Repibelo. Cada un deles presenta uns matices de sabor particulares e unhas características organolépticas diferenciadas.