O Arteixo CCA lanza o selo de confianza “Comercio Seguro” para acreditar o cumprimento dos protocolos sanitarios

Esta mañá realizouse a entrega da primeira acreditación, á que poderán optar todos os establecementos que adaptaran a súa actividade ás recomendacións sanitarias.

A loita contra o COVID-19 supuxo un parón para a maior parte dos establecementos do Arteixo Centro Comercial Aberto, que afrontaron o reto de volver abrir con plenas garantías de seguridade. Os locais foron adaptados de acordo coas recomendacións sanitarias e o esforzo que se está a realizar para asegurar a hixiene e desinfección de todos os espazos está a ser enorme. Para dar visibilidade a todo este traballo e ofrecer garantías ao público, o CCA decidiu lanzar o selo de confianza “Comercio Seguro”, que acreditará o cumprimento dos protocolos sanitarios por parte dos establecementos que o luzan no seu escaparate.

Triscos foi o primeiro comercio recoñecido con esta acreditación, á que poderán optar todos os establecementos asociados. Para conseguilo, deben obter previamente a certificación emitida pola plataforma online de comercio seguro da Xunta de Galicia, que garante a seguridade e a confianza entre traballadores e clientes. No acto de entrega do primeiro selo, a presidenta do CCA, Paula Díaz, reivindicou o esforzo realizado polo comercio de Arteixo nas últimas semanas ao afirmar que foron “sempre un paso por diante”. Defendeu que “os establecementos asociados afrontaron a reapertura cos deberes feitos, adoptando dende o primeiro momento as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias”.

En opinión de Paula Díaz, “a situación extraordinaria que estamos a vivir volveu poñer de manifesto a importancia do comercio local”. Agradeceu a confianza dos clientes, “que son os primeiros interesados en contar cun tecido comercial forte e dinámico nas súa propia vila” e expresou o compromiso do Arteixo CCA para seguir adaptándose ás necesidades dos consumidores. O selo de confianza, emitido polo CCA xunto á Confederación Española de Cascos Históricos (COCAHI) e a Asociación Galega de Centros Comerciais Abertos, é unha resposta á actual demanda de garantías de seguridade por parte da cidadanía.