HISTORIA
O Centro Comercial Aberto de Arteixo naceu no ano 1999 co impulso dun grupo de comerciantes decididas a xuntarse para dar visibilidade ao comercio local e mellorar a vida no pobo. Así comezou unha historia feita de encontros, colaboración e moitas horas de traballo cotián.
En 2009, dous camiños que compartían o mesmo espírito —a Asociación de Comerciantes e a Asociación de Hostaleiros— decidiron fundirse nun só proxecto común, abríndolle tamén as portas a pequenas empresas de servizos e profesionais autónomas.
Desde aquela, o CCA representa ao conxunto das pequenas empresas locais: tendas, bares, talleres, academias, despachos, clínicas, obradoiros… unha diversidade que reflicte a riqueza real de Arteixo.
Desde 1999
Esta historia tamén está feita de persoas
De todas as que emprenderon con ilusión, das que medraron, das que resistiron e das que tiveron que pechar ou coller outro camiño. Non esquecemos a ninguén: ás que xa se xubilaron, ás que comezaron de cero, ás que intentaron manter vivo o seu negocio nun contexto difícil. Cada unha delas deixou pegada na comunidade que somos hoxe.
Un agradecemento especial
Un novo tempo, unha nova mirada
O 2025 non é só un aniversario: é o punto de partida dunha nova etapa. Tras un ano de cambios e aprendizaxes, o CCA renóvase cun equipo con ilusión, unha estratexia clara e unha vontade fonda de abrirse á participación, á innovación e ao coidado mutuo.
Queremos que o CCA sexa moito máis ca unha asociación empresarial: un espazo compartido onde sumar, escoitarnos, mellorar o que xa temos e crear novas formas de facer as cousas.
Apostamos por un modelo económico
- Máis consciente
- Arraigado no territorio
- Sostible
- Coidado e colectivo
A nosa mirada está posta no futuro. Queremos facer de Arteixo un lugar onde emprender, mercar e vivir sexa doado, seguro e sostible. Queremos crear comunidade, coidar o que temos e construír, entre todas, un modelo que funcione para hoxe e tamén para mañá.