Consideran que se pretende criminalizar un sector clave para a economía local e reclaman maior información por parte das distintas administracións.

A hostalería de Arteixo está nunha situación crítica trala imposición das medidas máis restritivas de toda Galicia por parte da Xunta. Despois de celebrar unha xuntanza telemática, representantes do sector trasladaron á directiva do Arteixo Centro Comercial Aberto o seu malestar ante o escenario de incerteza económica e xurídica que están a padecer e a falta de apoio institucional por parte das distintas administracións. Consideran que as medidas adoptadas para frear a propagación do covid-19 na vila son desproporcionadas e inútiles e denuncian que se pretende criminalizar un sector clave para o conxunto da economía local.

Desde un punto de vista sanitario, os hostaleiros non comprenden o razoamento que levou a endurecer as restricións só no termo municipal de Arteixo, abocando aos consumidores a desprazarse a outros concellos. Cren que esta decisión pode favorecer o espallamento do virus e non serve realmente para protexer á cidadanía. As medidas foron impostas, ademais, dun día para outro, deixando aos establecementos sen marxe de actuación para adaptar a súa actividade ás novas circunstancias.

A ausencia de previsión deixou ao sector nunha situación de inseguridade xurídica que se viu agravada pola falta de comunicación entre a Xunta, o Concello e os empresarios, que non recibiron ningún tipo de información máis alá da que saíu publicada na prensa e no propio Diario Oficial de Galicia. Ninguén deu resposta, dende as administración, ás numerosas dúbidas que xurdiron tralo establecemento das novas restricións, pero o problema non é novo. Nas últimas semanas varios hostaleiros amosaron a súa estupefacción ante as informacións contraditorias que estaban a recibir, dende o propio Concello, sobre a o restablecemento do consumo en barra.

Dende a entrada en vigor da normativa da chamada “nova normalidade”, os profesionais da hostalería víronse na obriga de actuar como axentes da lei para garantir o cumprimento dos protocolos por parte dos seus clientes e, nesta tarefa, non recibiron axuda algunha do Concello. En ningún momento houbo un control, por parte de axentes da Policía Local, para asegurar que as medidas que se estaban a adoptar eran as axeitadas e a responsabilidade recaeu por completo nos empresarios. A esta circunstancia hai que sumar o baleiro legal das terrazas en Arteixo, un problema histórico que se viu agravado coa pandemia. Ao non haber un regulamento municipal claro sobre a ocupación do espazo público, o número de mesas que cada establecemento podía colocar dependía da libre interpretación da Policía Local, sen que os hostaleiros souberan exactamente cal era o criterio.

Asumir responsabilidades

Os hostaleiros entenden que o Concello non asumiu a súa responsabilidade, nin para regular as terrazas, nin para garantir que todos os establecementos abertos na vila conten con licenza de actividade. Por iso reclaman que o goberno municipal tome a iniciativa para atallar estes problemas e tamén para ofrecer apoio a un sector que agora mesmo está abocado á bancarrota. Cren que é necesario poñer en marcha, canto antes, unha mesa para a reactivación da economía local na que participen todos os axentes sociais relevantes, un foro no que deberían acordarse as axudas que se establezan antes da súa publicación.

A xuntanza da hostalería foi organizada por empresarios do sector, que trasladaron as súas reivindicacións ao Arteixo CCA para que as fixera públicas. Realizaron tamén un chamamento aos comerciantes para que apoiaran as súas demandas e anunciaron a súa intención de seguir reuníndose periodicamente para coordinar as súas reivindicacións ante as distintas administracións.