A iniciativa busca afianzar a confianza dos consumidores e impulsar a actividade nos establecementos da vila tralas restricións impostas dende a Xunta.

Durante os próximos días, o Arteixo Centro Comercial Aberto vai convidar aos seus seguidores en redes sociais a amosar a súa confianza nos bares, cafeterías e restaurantes da vila. Moitos locais puideron abrir de novo as súas portas tralo levantamento dalgunhas restricións, pero entre os profesionais do sector existe a sensación de que a forma en que estas foron impostas resultou prexudicial para a imaxe pública da hostalería local. Para reverter esta situación, a asociación que agrupa a comerciantes e hostaleiros decidiu lanzar a campaña #EuApoio en defensa dunha actividade económica clave.

Os usuarios das redes sociais que queiran sumarse a esta iniciativa só teñen que sacarse unha foto tomando algo en calquera local de Arteixo e compartila a través de Facebook ou Instagram, etiquetando o establecemento e explicando os motivos polos que se sinten seguros nel. O hashtag #EuApoio servirá para identificar a todas as persoas que queiran expresar o seu compromiso coa hostalería local e a directiva do Arteixo CCA foi a primeira en amosar a súa adhesión á proposta coa publicación dunha fotografía nos seus perfís en redes sociais.

As medidas para frear a propagación da covid-19 que a Xunta estableceu para Arteixo foron cualificadas como “desproporcionadas e inxustas” dende o sector da hostalería e afectaron non só á actividade de bares e restaurantes, senón ao conxunto da economía local. O comercio viuse prexudicado, de forma directa, pola caída do tráfico de clientes e dende o Arteixo CCA xa se reclamou a creación dunha mesa aberta para deseñar a estratexia de recuperación. Un dos obxectivos desta campaña é buscar a implicación de toda a cidadanía e concienciar sobre a importancia de consumir nos establecementos da vila.