O novo logotipo, plenamente adaptado ao entorno dixital, está inspirado nos tradicionais toldos das tendas de barrio

Arteixo, 28 de setembro. O Arteixo Centro Comercial Aberto evoluciona para atender as demandas dos seus socios, ofrecendo máis servizos e abrindo novas canles de comunicación con clientes e profesionais do comercio e a hostalería. Os retos multiplicáronse neste ano 2020 e os novos tempos esixían unha nova imaxe corporativa, máis acorde coas funcións que actualmente debe asumir a asociación e pensada desde o primeiro momento para o seu uso nun entorno dixital.

O novo logotipo do Arteixo CCA presenta un deseño contemporáneo, facilmente recoñecible e adaptable a calquera contexto de uso. Está inspirado nun elemento tradicional do comercio de proximidade, como son os toldos que historicamente serviron para protexer os escaparates das inclemencias meteorolóxicas e que aínda seguen a ser un elemento distintivo de moitas tendas de barrio. A principal cor corporativa segue a ser o rosa, un ton que a xente de Arteixo vén relacionando xa dende hai anos co seu centro comercial aberto, se ben este deseño incorpora agora o morado como cor complementaria.

A imaxe corporativa irase actualizando progresivamente en todos os elementos, físicos e virtuais, que conforman a identidade visual do Arteixo CCA: cartelería, papelería, merchandising, redes sociais, páxina web, etc. A estrea formal chegará a próxima fin de semana durante a celebración da Pink Weekend, a fin de semana dos descontos en Arteixo. As bandeiras que identificarán aos locais lucirán xa as novas cores e o logotipo renovado da asociación que agrupa ao comercio e a hostalería local. Durante tres días, do venres 2 ao domingo 4 de outubro, a xente que faga as súas compras nos establecementos participantes poderá gozar de prezos rebaixados, participar en sorteos e obter diferentes agasallos. En total, vanse repartir 2.000 euros en premios e vales de desconto.