Satisfacción na Xunta de Galicia pola boa acollida que os Bonos Activa Comercio están a ter en Arteixo

O Director Xeral de Comercio, Manuel Heredia, visitou algúns dos establecementos da localidade adheridos ao programa.

Xa hai preto de cincuenta comercios rexistrados e o Arteixo CCA confía en que a cifra siga crecendo nos próximos días.

Arteixo, 21 de maio. Máis de 1.100 consumidores descargaron xa en Arteixo os Bonos Activa Comercio e poden beneficiarse de descontos en moitos establecementos da vila. O Director Xeral de Comercio, Manuel Heredia, percorreu algúns dos comercios adheridos xunto ao concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, e unha representación da directiva do Arteixo Centro Comercial Aberto encabezada por María Encina González e Ángela Sánchez. Na súa visita, Heredia puxo de manifesto a satisfacción da Xunta de Galicia ante a boa acollida que a iniciativa está a ter entre comerciantes e clientes . Animou a todos os que aínda non están adheridos a que o fagan canto antes e lembrou que o prazo de inscrición segue aberto ata o próximo 31 de maio.

A vicepresidenta do Arteixo CCA, Encina González, cre que este tipo de iniciativas “son moi necesarias para relanzar a actividade despois dun ano de pandemia e para que os consumidores se acheguen ao pequeno comercio”. Insiste, ademais, en que “o CCA está a realizar un gran esforzo para que o programa sexa un éxito, ofrecendo información e asesoramento técnico aos establecementos asociados e non asociados”. Xa son preto de cincuenta os negocios rexistrados en Arteixo e dende a asociación confían en que a cifra siga crecendo. A xerencia do Arteixo CCA mantén activa unha campaña informativa dirixida ás empresas e durante a próxima semana farase especial fincapé para reforzar a presenza de sectores como os salóns de peiteado.

Descontos de 5 e 10 euros

Os Bonos Activa Comercio poden descargarse de forma totalmente gratuíta a través da páxina web www.bonosactivacomercio.gal e permiten acceder a descontos por un importe acumulado de 30 euros no comercio de proximidade. As compras iguais ou superiores a 30 euros teñen un desconto de cinco e ás de 50 ou máis euros se lles aplica automaticamente unha rebaixa de dez. O único que teñen que facer os usuarios é rexistrarse na plataforma, instalar algunha das apps recomendadas e amosar o código QR no momento de realizar o pago.

Visita do Director Xeral de Comercio a Arteixo para promocionar os Bonos Activa Comercio. Manuel Heredia, percorrerá este venres 21 de maio, a partir das 16:00 horas, algúns dos establecementos adheridos á campaña de incentivos ao consumo da Xunta. Estará acompañado polo Concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, e as representantes da directiva do Arteixo CCA María Encina González e Ángela Sánchez.

DATA: venres, 21 de maio
HORA: 16:00 horas
PUNTO DE ENCONTRO: ‘El Mundo de Angie’ (Rúa Canónigo Cándido Varela, 8)
PARTICIPANTES:

  • Manuel Heredia, Director Xeral de Comercio da Xunta de Galicia
  • Ángel Vázquez, Concelleiro de Promoción Económica
  • María Encina González, Vicepresidenta do Arteixo CCA
  • Ángela Sánchez, directiva do Arteixo CCA

A asociación ofrece colaboración a todos os establecementos de Arteixo que desexen adherirse á campaña, estean asociados ou non.

A iniciativa desenvolverase a través dunha aplicación móbil e cada comercio poderá ofrecer aos seus clientes ata 5.000 euros en descontos.

Arteixo, 21 de abril. O Arteixo Centro Comercial Aberto iniciou unha campaña de promoción dos Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia dirixida a todos os establecementos da localidade, independentemente de que estean asociados ou non. O proxecto ten como obxectivo incentivar o consumo en toda Galicia e vai mobilizar máis de 55 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade. Os negocios interesados poden poñerse en contacto coa Asociación ou inscribirse directamente a través da páxina web www.bonosactivacomercio.gal. Unha vez adheridos, poderán solicitar ao Arteixo CCA o distintivo da campaña, preciso para ser identificados polos clientes, xa que a Xunta decidiu xestionar o envío da documentación a través das asociacións.

O xerente do Arteixo CCA, Emiliano Cossini, expresou a súa confianza en que o lanzamento dos bonos contribúa á reactivación da actividade comercial, de feito era unha das propostas incluídas no Plan GREA. “Dende a Asociación levamos case un ano defendendo que as campañas de incentivo ao consumo son a mellor axuda para manter vivo o tecido económico, por iso estamos satisfeitos ao ver que a Xunta estea na mesma sintonía”. Segundo Cossini, “para que os bonos funcionen temos que conseguir a adhesión do máximo número de establecementos, asociados ou non, por iso estamos ofrecendo asistencia técnica a todo o mundo”.