O foro, convocado dende o Concello e integrado por todos os axentes sociais da vila, debería servir para deseñar a estratexia fronte as restricións derivadas da covid-19.
As restricións impostas dende a Xunta para Arteixo co obxectivo de frear a propagación da covid-19 están a afectar de forma directa non só ao sector hostalería, senón ao conxunto da economía local. Por este motivo, o Arteixo Centro Comercial Aberto entende que é preciso convocar canto antes, dende o Concello, unha mesa aberta para falar sobre a situación que está a atravesar o municipio a consecuencia da pandemia, particularmente nas últimas semanas. A proposta, dialogada durante os últimos días co Concello, foi xa remitida ao goberno municipal, vía rexistro electrónico, para poder facela efectiva.
Neste foro deberían participar, xunto a hostaleiros e comerciantes, representantes do tecido asociativo, veciñal, cultural, deportivo e sindical da vila, así como calquera outra entidade que poida achegar ideas sobre a estratexia a desenvolver, xa que tanto a situación actual como as medidas a levar a cabo teñen incidencia no conxunto da veciñanza. A dirección do Arteixo CCA entende que é preciso abrir novas canles de comunicación que permitan coñecer a estratexia do Concello fronte á covid-19 e participar no proceso de toma de decisións, así como ofrecer información sobre as medidas en vigor ou as que se poidan adoptar nas próximas semanas.
A falta de información é unha das principais queixas dos sectores económicos e sociais prexudicados polas restricións autonómicas, por iso o Arteixo CCA cre que sería conveniente convidar a esta mesa a persoal técnico da Xunta de Galicia ou do comité encargado de elaborar as medidas para facer fronte á pandemia. As reunións deberían servir, ademais, para dar unha resposta dende o Concello ás dúbidas que teñen os hostaleiros sobre as normativas actuais de licenzas e terrazas e os mecanismos habilitados para garantir o seu cumprimento, así como para ir analizando a forma de actualizalas para que contribúan a un maior benestar social e o crecemento empresarial.