Esíxese tamén a exención de taxas como as de lixo, IBI, auga e terrazas mentres dure a situación de emerxencia sanitaria.

Unhas medidas máis necesarias dende que se estendeu a corentena quince días máis.

O Arteixo Centro Comercial Aberto, entidade que engloba ao comercio e hostalaría da vila, reclama ao Concello de Arteixo unha mesa de comercio telemática e urxente para trasladar a situación que está a sufrir a economía local e tomar medidas que palien a dramática situación a consecuencia da crise sanitaria que se prolongará durante quince días máis.

A supresión, e non o aprazamento, do pago de todos os impostos locais, coma o IBI ou as taxas pola actividade económica –auga, lixo ou terrazas- son as primeiras medidas que a entidade local solicita a Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo, que se leven a cabo.

Pero tamén se urxe a facer a convocatoria desa mesa para establecer unha estratexia de recuperación do pequeno comercio e a hostalaría dende agora, pois «hai problemas, como o impago a provedores por falta de liquidez que están acontecendo a día de hoxe e que non poden esperar ata a imprecisa data na que remata a corentena», comenta Paula Díaz, Presidenta do Arteixo CCA. Por iso reclaman a habilitación de liñas de apoio que vaian dos 3.000 aos 5.000€ para poder facer fronte a eses pagos urxentes, ou a asunción dos gastos correntes coma a subministración eléctrica. «Uns créditos sen intereses e con largo prazo de devolución para que non pesen aínda máis no desexado momento no que se poida volver levantar o enreixado», precisa Díaz.

«É necesario poder manter todos os postos de traballo en Arteixo, pois esta situación afecta a toda a veciñanza da vila», proseguiu. E por iso outra das solicitudes é establecer axudas ás empresas que manteñan a totalidade dos empregos. «Desta crise temos que saír non só o comercio e a hostalaría, senón tamén os e as veciñas, que son a nosa principal preocupación, pois ademais de familia e amizades, son os nosos primeiros consumidores», dixo a Presidenta.

Reclaman a todas as institucións axilizar os pagos para que os negocios acredores do Concello sexan os primeiros que se poidan seguir movendo e pagando a provedores, xa que a falta de liquidez será máis urxente segundo pasen os días.

Como facer fronte aos alugueres dos baixos comerciais

Unha das principais preocupacións de moitos negocios que non teñen o baixo en propiedade é non ter que pasarlle este problema aos seu arrendadores, sobre todo cando estes son pequenos propietarios. Por este motivo a entidade pide ás institucións solucións á vez que invita ás pemes a negociar. «O mellor que se pode facer é intentar chegar a un acordo cos propietarios dos baixos mentres que no se saquen as axudas, de aprazamento ou redución do aluguer, posto que algúns arrendadores teñen capacidade de asumilo, pero non sempre», comenta Paula Díaz.