Case 2100 postais solidarias de nadal feitas polos nenos e nenas e repartidas nos establecementos do CCA de Arteixo

Nun breve acto no Colexio Ponte dos Brozos fíxose entrega dos vales por valor de 315€ para alimentos frescos a Cáritas e de 160€ para material escolar aos nenos e nenas de 2ºD do colexio

En xaneiro deu por rematada a campaña de postais solidiarias que levou a cabo o CCA de Arteixo en conxunto cos colexios e escolas infantís da vila, cun saldo de case 2.100 postais intercambiadas por alimentos nos establecementos que forman parte da asociación.

Deste xeito conséguense recadar case 3.000kg de comida non perecedoira que os e as arteixás doaron a Cáritas a través desta iniciativa.

A eses alimentos sumarase agora tamén a comida fresca que poderán recoller na panadería Gestal e na Peixería Botero Gundín, xa que o CCA de Arteixo fixo hoxe entrega a Cáritas dos vales por valor de 315€, 0,15 céntimos por postal, para que as familias os gasten neses dous establecementos.

Os vales foron entregados á entidade polos nenos e nenas da aula. «Xa dende pequenos teñen que decatarse de que hai familias que teñen menos oportunidades e están pasando por situacións peores, pero que como veciños e veciñas temos que axudarlles a saír adiante», resaltaba Silvia Cupeiro, Presidenta do CCA no acto alumnado.

Tamén se facía entrega dos vales por valor de 160€ que a aula de 2ºD gañara no sorteo celebrado o pasado decembro entre as aulas participantes, e que poderán canxear por material escolar na Libraría Mina, Libraría Marina, EcoLíder e Manualidades Sita; todas do CCA de Arteixo.