O Arteixo CCA organiza a primeira edición dunha ruta gastronómica coa temática setas, carnes e legumes, que reúne a 18 locais de Arteixo e Oseiro

Esta mañá presentouse na Oficina de Turismo de Arteixo a primeira Ruta Gastronómica de Arteixo na súa edición de Outono. Unha campaña organizada polo Arteixo CCA coa colaboración do Concello de Arteixo, e que durará un mes, dando comezo este sábado 26 de outubro.

A entidade conseguiu captar a 18 participantes na campaña que ofrecerán propostas de distintos tipos, coma tapas, tostas ou pratos, a distintos prezos, e cada local nos días da semana que decidan. Sempre ligado á temática da campaña “Setas, carnes e legumes”.

“A Ruta Gastronómica é unha das novas campañas que estamos a organizar dende o CCA para continuar coa renovación da nosa entidade”, comentaba David Pena, membro da Directiva do Arteixo CCA na rolda de prensa coa Concelleira de Cultura Ana Bello. “Buscamos ofrecer un formato de campaña que se adapte a todos os modelos de negocio de hostalaría, dende os que traballan máis durante a semana coma os que traballan sobre todo na fin de semana”, continuou.

Esta é a primeira edición dunha campaña que se repetirá en cada estación do ano. O CCA prevé sacar as seguintes en inverno, primavera e verán, “aumentando cada vez máis o número de participantes”, comenta Pena.