Cada sábado, a partir do 24 de abril, Xabier Maceiras dirixirá visitas guiadas pola vila a través do seu libro Crónicas de Arteixo II.
Os establecementos asociados ofrecerán descontos para a compra de libros novos con cada doazón de exemplares usados.
Arteixo, 20 de abril. Este ano, a celebración do Día do Libro en Arteixo vaise estender moito máis alá do 23 de abril. Ata finais de maio, o Arteixo Centro Comercial Aberto vai convidar cada sábado a toda á veciñanza, e tamén á xente de fóra que o desexe, a revivir o pasado da vila a través dun roteiro con esencia literaria. O escritor e divulgador da historia local Xabier Maceiras exercerá de guía nun percorrido por algúns dos escenarios do seu libro Crónicas de Arteixo II. “Concretamente, faremos dez paradas nas que falaremos dese Arteixo de antano, ese Arteixo dos nosos pais e os noso avós”, explica o autor, que leva anos compilando, no seu blog e nos seus libros, relatos rescatados da memoria colectiva.
As visitas guiadas serán totalmente gratuítas e realizaranse de acordo cos protocolos sanitarios de prevención da covid-19. Atendendo ás restricións en vigor, o número máximo autorizado de participantes para este tipo de actividades é de oito persoas, polo que será preciso inscribirse previamente. A reserva de praza pódese realizar por vía telefónica, chamando ao 608 54 90 11, ou a través web mediante un enlace dispoñible nas redes sociais do Arteixo CCA. Serán percorridos ao aire libre e o calendario previsto poderá verse alterado en función da meteoroloxía.
Unha nova vida para os teus libros
Outra das iniciativas que o Arteixo CCA vai poñer en marcha para celebrar o Día do Libro terá un espírito eminentemente solidario, xa que se van recoller exemplares usados co fin de destinalos a institucións de carácter benéfico. Entre o 23 e o 30 de abril, os clientes do comercio local recibirán, con cada doazón, un vale desconto de 0,50 euros (acumulables ata un máximo de 1,50 euros) para a compra de libros novos nos establecementos asociados. Esta campaña nace co obxectivo de ofrecer novos incentivos á lectura, dinamizar a actividade do pequeno comercio local e facilitar o acceso á literatura para as familias con menos recursos.