Que é Arteixo Centro Comercial Aberto?
Os centros comerciais abertos nacen como unha fórmula de cooperación das pequenas empresas a pe de rúa ante os novos formatos comerciais.
O pequeno comercio dá vida e singularidade ás nosas vilas e cidades, polo que moitos empresarios de núcleos urbanos e as propias Administracións Públicas defenden un modelo comercial que axude ao fortalecemento e crecemento do seu tecido empresarial, fortemente danado nos últimos anos.
Arteixo CCA nace no ano 2009 da unión de ACODA, Asociación de Comerciantes de Arteixo e da Asociación de Hostaleiros de Arteixo. Pertencen tamén ao CCA diferentes empresas de servizos e profesionais por conta propia.
O obxectivo principal do CCA é potenciar e dinamizar o comercio de Arteixo, entendendo como comercio as diferentes actividades profesionais desenvoltas polas empresas de Arteixo.
Os membros do Centro Comercial Aberto recoñecen e comprenden que o único xeito de potenciar estas actividades profesionais, que posibilitan o seu autoemprego e a creación de postos de traballo, é a través da visión dun Arteixo mellor para todos, onde o progreso este baseado na innovación, na cultura, na tradición e a sostibilidade.
Unha vila onde os veciños queiran estar e quedar. Rúas limpas, dinámicas e ben iluminadas, comercio profesionalizado que saiba atender as súas necesidades, hostalaría renovada que facilite os tempos de ocio, programación cultural e social, emprego e calidade de vida en xeral.