A campaña de Postais Solidarias levará desexos de felicidade «Polo mundo»!

 

Un ano máis, o Arteixo CCA en colaboración co alumnado de Arteixo, tráevos a campaña de Postais Solidarias. Se cadra, a nosa campaña máis fermosa.
Atoparedes en moitos establecementos do Arteixo CCA unha morea de postais escritas por nenos e nenas da nosa vila, que podedes adquirir a cambio de alimentos non perecedoiros. Eses alimentos serán entregados a Cáritas para que os reparta entre as nosas veciñas e veciños que máis o necesiten. Moitos quilos se recolleron o pasado ano! A ver se este ano recollemos aínda máis. E por cada postal recollida, o Arteixo CCA doa tamén a Cáritas 0,15 céntimos en vales de compra de alimentos frescos. Así que cantas máis postais recollades, máis alimentos terán as familias de Arteixo que estén a pasar por unha situación difícil.
Pero esta campaña trae unha gran novidade: puxemos un buzón ao lado das postais, porque queremos que os vosos desexos de felicidade cheguen a distintos nenos e nenas do mundo. E como faremos isto? Pois moi sinxelo. En colaboración con 4 entidades sociais de Arteixo e A Coruña, enviaremos esas postais a distintos países. Só tedes que recoller a postal, escribir as vosas felicitacións, e metelas nalgún dos buzóns que tedes nos establecementos do Arteixo CCA.
E á volta dirémosvos ata onde as enviamos!
 
Esperámosvos no comercio e a hostalaría do Arteixo CCA.
 
Feliz e solidario Nadal!