Arteixo acollerá unha nova edición da Feira do Comercio os días 9, 10 e 11 de setembro

A Mesa Local de Comercio aprobou a convocatoria da segunda edición do evento e nas próximas semanas abrirase o prazo de inscrición

O Arteixo CCA presentou, na reunión celebrada no Centro Tecnolóxico, unha batería de propostas para a mellora da actividade comercial e hostaleira

Arteixo, 29 de xuño. O pequeno comercio de Arteixo volverá levar as súas mellores ofertas ao Campo da Festa os días 9, 10 e 11 de setembro. A Mesa Local de Comercio, integrada polo Arteixo CCA, o Concello, a Xunta e Asociación de Consumidores da Coruña aprobou a celebración dunha nova edición da Feira do Comercio. Tralo éxito da primeira, celebrada en outubro de 2021, a organización aposta por repetir emprazamento, se ben está previsto que se introduzan algúns cambios no formato, que naquela ocasión se vira condicionado polas restricións sanitarias. Nas próximas semanas abrirase un prazo de inscrición aberto a todos os establecementos da vila.

Na reunión da Mesa Local de Comercio, celebrada no Centro Tecnolóxico, o Arteixo CCA presentou tamén unha serie de propostas para a mellora da actividade comercial e hostaleira na localidade, entre as que se inclúen un programa de benvida para novos establecementos, o deseño dunha nova estratexia de promoción do turismo, a elaboración dun censo de locais baleiros ou novos programas de formación para a hostalería. Tamén se realizaron algunhas propostas concretas para o período de Nadal, como a organización dun mercado, a instalación dunha pista de xeo ou a mellora da iluminación durante as festas. Estas peticións súmanse á de crear un programa de bonos para o incentivo do consumo.

Melloras no centro urbano

Algunhas das propostas que se trasladaron á Mesa Local de Comercio pasan tamén por mellorar os espazos urbanos para facilitar a actividade dos pequenos establecementos de Arteixo. Por unha parte, solicitouse a creación de novas bolsas de aparcadoiro en terreos baldíos de carácter privado, así como o establecemento de zonas de estacionamento curto nas principais avenidas do centro da vila. Ademais, a asociación que agrupa ao comercio e a hostalería reiterou a súa solicitude de ampliar as zonas peonís, comezando con opcións provisionais para avanzar progresivamente cara aos espazos sen coches.