Caixabank e Arteixo CCA asinan un convenio de colaboración para impulsar a pequena economía local

A entidade bancaria asumirá unha parte das cotas das empresas asociadas que abran unha conta ou contraten novos servizos.

A Obra Social “la Caixa” colabora tamén coa campaña das Postais Solidarias, que permitirá recadar alimentos para as familias con menos recursos.

O Arteixo Centro Comercial Aberto amplía a súa colaboración con distintos colectivos, entidades e empresas para ofrecer novas vantaxes aos establecementos asociados. A sinatura dun convenio de colaboración con Caixabank, a través da oficina situada na Avenida dos Bosques, suporá un impulso para o asociacionismo e facilitará a incorporación de novas empresas á asociación que agrupa ao comercio de proximidade e a hostalería local. En virtude deste acordo, a entidade bancaria asumirá unha parte das cotas mensuais daqueles socios que abran unha conta ou contraten un novo servizo.

A presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez, expresou trala sinatura do convenio o seu agradecemento “pola boa dispoñibilidade que Caixabank amosou sempre para apoiar á pequena economía local”. Ambas entidades confían en que este bo entendemento teña continuidade, no futuro, coa posta en marcha de novas iniciativas conxuntas. Actualmente, a Obra Social “la Caixa” colabora tamén na campaña das Postais Solidarias, que permitirá recadar, de cara ás celebracións do Nadal, alimentos para as familias con menos recursos de Arteixo.