A Mesa Local de Comercio aproba a celebración da Feira de Oportunidades de Arteixo os días 1, 2 e 3 de outubro
O Concello asume por vez primeira a organización do evento e contará coa colaboración do Arteixo CCA.
A inscrición estará aberta a todos os establecementos, asociados ou non, e a cita coincidirá coa feira do motor Auto Arteixo.
O comercio local de Arteixo retomará unha das súas grandes citas anuais, a Feira de Oportunidades, despois dun parón obrigado pola pandemia en 2020. O evento volverá a primeira fin de semana de outubro ao Campo da Festa, plenamente adaptado ás recomendacións sanitarias e con múltiples novidades. O Concello asumirá por vez primeira a organización do evento, aínda que contará coa colaboración activa do Arteixo Centro Comercial Aberto. A proposta foi aprobada na reunión da Mesa Local de Comercio, na que estiveron representadas, xunto ao goberno municipal e o propio CCA, a Xunta de Galicia e a Asociación de Consumidores da Coruña.
O evento estenderase durante tres días, do venres 1 ao domingo 3 de outubro, e a inscrición será gratuíta para todos os establecementos da localidade que desexen participar, con independencia de que estean asociados ou non ao Arteixo CCA. A presidenta da entidade que agrupa ao comercio e a hostalería, Ángela Sánchez, destacou tralo encontro a “boa sintonía” entre as partes implicadas na organización e amosou a súa confianza en que “a coordinación co Concello contribúa a impulsar de maneira decisiva a pequena economía local”.
A cita coincidirá, ademais, coa feira do motor Auto Arteixo, que recupera o seu formato tradicional para converterse nun punto de encontro do sector da compra-venda e o vehículo de ocasión. Xunto á aprobación destas iniciativas, a reunión da Mesa Local de Comercio deu tamén o visto e prace ao programa de actividades do Arteixo CCA para os próximos meses, con propostas innovadoras encamiñadas a dinamizar o pequeno comercio de proximidade.