Arteixo, 1 de xullo. As persoas que están detrás do mostrador serán as grandes protagonistas da próxima iniciativa do Arteixo Centro Comercial Aberto. Os rostros do comercio, a hostalería e os servizos foron retratados nas últimas semanas e esas fotografías van formar parte, durante algún tempo, da vida cotiá da veciñanza. En total, máis de corenta establecementos estarán representados nos carteis da campaña ‘Facemos Arteixo’, coa que se quere poñer en valor a súa actividade como un elemento imprescindible para a creación de comunidade. As pancartas colocaranse nas principais rúas da vila e cada unha contará cun lema personalizado.

O acto de presentación da campaña contou coa participación do concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, e a presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez, que estiveron arroupados por unha ampla representación da pequena economía local. A presidenta destacou o espírito optimista da iniciativa, que busca “impulsar a recuperación da actividade das tendas, os bares e os pequenos negocios locais nun momento en que se empeza a albiscar o final da crise”. As activacións que se van poñer en marcha irán encamiñadas a destacar a súa contribución á creación de riqueza e emprego, así como ao fortalecemento dos lazos que unen á sociedade.

Sesións vermú nas terrazas

No marco da campaña ‘Facemos Arteixo’, nas fins de semana do verán as terrazas da hostalería local acollerán un pequeno ciclo de espectáculos en formato sesión vermú. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, sempre que a meteoroloxía o permita, distintos artistas locais pasarán polos concertos de VERANeARTE, plenamente adaptados ás restricións sanitarias, ao aire libre e con aforo limitado. A primeira cita será este mesmo sábado, 3 de xullo, na cervexería Play coa actuación do grupo Alma Libre. Cada semana irase desvelando o escenario de cada un dos concertos e o nome das bandas ou artistas participantes.

Presentación da campaña de dinamización ‘Facemos Arteixo’. Mañá, xoves 1 de xuño, ás 9:00 horas, terá lugar na Praza do Balneario de Arteixo o acto que contará coa presencia do concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, a presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez e unha ampla representación da pequena economía local.

Trala foto de grupo, presentarase tamén o ciclo de concertos VERANeARTE, que levará a música ás terrazas da hostalería local en formato sesión vermú.

PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA ‘FACEMOS ARTEIXO’

DATA: xoves, 1 de xullo

HORA: 9:00 horas

PUNTO DE ENCONTRO: Praza do Balneario (Arteixo)

PARTICIPANTES:

  • Ángel Vázquez, Concelleiro de Promoción Económica
  • Ángela Sánchez, presidenta do Arteixo CCA