O Arteixo CCA celebra a súa asemblea anual cun notable incremento de establecementos asociados

A asociación que agrupa ao comercio e a hostalería aposta por impulsar a dinamización de rúa para superar a pandemia

A directiva cre que chegou o momento de “retomar a actividade normal” e desenvolver estratexias de fomento do consumo

Arteixo, 19 de abril. O Centro Cívico de Arteixo acolleu a asemblea anual da asociación que agrupa ao comercio e a hostalería e as pequenas empresas de servizos da localidade. O encontro, que contou cunha ampla representación dos establecementos asociados,  serviu para aprobar as contas do último ano e definir as liñas de traballo de cara aos próximos meses, nos que a directiva encabezada por Ángela Sánchez aspira a retomar a actividade a pleno rendemento despois de dous anos condicionados pola pandemia. Durante este tempo, a pesar das dificultades, o Arteixo Centro Comercial Aberto logrou consolidarse como unha institución de referencia para a pequena economía local e viu como o número de establecementos asociados se incrementaba nun 15%.

A presidenta da entidade amosouse satisfeita co crecemento da asociación e trasladoulle á asemblea a súa confianza en manter esta liña ascendente, xa que varios negocios expresaron a súa intención de adherirse. Defendeu, na súa intervención, a necesidade de impulsar estratexias de fomento de consumo para que o comercio de proximidade e a hostalería se volvan instalar nas cifras previas ao establecemento de restricións sanitarias. “Confiamos en que este ano sexa máis relaxado e poidamos ir pisando en firme”, explicou Ángela Sánchez, que aposta decididamente por “poñer en marcha campañas novidosas que axuden a dinamizar a localidade”.

Próximas campañas

Nos últimos anos, o Arteixo CCA reforzou a súa colaboración co tecido asociativo mediante a sinatura de acordos coas ANPA dos centros educativos, a organización de eventos en colaboración con asociacións culturais e veciñais ou o desenvolvemento de distintas campañas de carácter solidario. De cara ao futuro, a asociación seguirá apostando por esta liña de traballo, a través de novas iniciativas que repercutan en beneficio de toda a sociedade arteixá. Por outra parte, seguirase buscando o apoio das administracións públicas para garantir a viabilidade das pequenas empresas nun tempo que se prevé de incerteza económica.