O Coello de Pascua realizou por Arteixo a entregar dos regalos das madriñas e os padriños

A través dunha iniciativa do Arteixo CCA, os nenos e as nenas recibiron, por segundo ano consecutivo, as súas pascuas de mans deste entrañable personaxe.
 
 

O Coello de Pascua xa circula polas rúas de Arteixo

Por segundo ano consecutivo, levará os regalos ás casas dos afillados e as afilladas que vivan na contorna do núcleo urbano.

Durante os próximos días dará a coñecer a iniciativa do Arteixo CCA e repartirá ovos de chocolate entre os nenos e as nenas da vila.

Arteixo, 8 de abril. A figura máis entrañable da Pascua xa chegou a Arteixo. O domingo 17, o Coello do Arteixo Centro Comercial Aberto repartirá polas casas os regalos dos padriños e as madriñas, pero xa estará circulando dende esta fin de semana polas rúas do centro urbano e os camiños das distintas parroquias do concello. A bordo do seu peculiar vehículo, bautizado o ano pasado como ‘Motocoello’, dará a coñecer a iniciativa entre a cidadanía e repartirá ovos de chocolate entre as nenas e os nenos que se acheguen a el. A través das redes sociais darase a coñecer o percorrido que irá realizando cada día.

No acto de presentación, a presidenta da asociación de comerciantes, Ángela Sánchez, animou a todos os clientes do comercio local a aproveitar esta oportunidade para sorprender aos seus afillados e afilladas. “O ano pasado, cando trouxemos ao Coello por primeira vez, non sabiamos como ía ser a reacción, pero a alegría e o rostro de ilusión dos pequerrechos demostrounos que foi un acerto”. Todas as persoas que desexen sumarse á iniciativa poden solicitar o reparto a domicilio, de forma totalmente gratuíta, ata o próximo mércores 13 nos establecementos asociados onde merquen os agasallos.

O Domingo de Pascua, o Coello fará o seu reparto polo centro urbano e as zonas máis próximas, pero o Arteixo CCA ofrece tamén a posibilidade de enviar os agasallos, a través de servizo de mensaxería e sen ningún custo engadido, aos domicilios máis afastados. Ademais, dende a semana pasada estanse repartindo coas compras vales de desconto para a adquisición de ovos de Pascua ou roscóns que se poden intercambiar en Xiana e Panadería Gestal.

O Coello do Arteixo CCA volverá repartir a domicilio os regalos do domingo de Pascua

As persoas interesadas poden apuntarse, dende esta mesma semana, para darlle unha sorpresa aos seus afillados e afilladas.

O ‘Motocoello’ percorrerá as rúas da vila e os camiños das parroquias, nas vésperas da Semana Santa, para dar a coñecer a iniciativa.

Arteixo, 28 de marzo. Trala boa acollida que tivo a visita do Coello de Pascua o ano pasado, o Arteixo Centro Comercial Aberto volverá repetir a experiencia na próxima Semana Santa. Os establecementos asociados ofrecerán a posibilidade de que este personaxe entregue a domicilio, o domingo 17 de abril, os regalos das afilladas e os afillados que vivan na contorna do núcleo urbano e a sorpresa non suporá ningún custo engadido sobre o importe da compra. As persoas que desexen aproveitar a oportunidade poden apuntarse, nos propios comercios, dende esta mesma semana e ata o mércores 13 de abril. Para os domicilios máis afastados existe tamén a opción de enviar as pascuas, por servizo de mensaxería, de forma totalmente gratuíta.

Tal como acontecera en 2021, o Coello de Pascua realizará o seu percorrido polas casas ao volante dunha camioneta pintada coas cores do Arteixo CCA. Este vehículo, bautizado o ano pasado como ‘Motocoello’, percorrerá tamén as rúas do centro urbano e os camiños das parroquias nas semanas previas á celebración para dar a coñecer a iniciativa entre a cidadanía. A presidenta da asociación de comerciantes, Ángela Sánchez, índica que “o éxito da primeira edición demostrou algo que xa intuíamos, que o Domingo de Pascua é unha tradición entrañable con moito arraigo entre as familias de Arteixo”.

Descontos en ovos e roscóns

Xunto á entrega dos regalos dos padriños e as madriñas, o Domingo de Pascua ten unha vertente máis gastronómica, como é a dos roscóns e os ovos de chocolate, unha tradición que tamén se quere impulsar dende o Arteixo CCA. As tendas repartirán, a partir do próximo xoves 31 de marzo, vales de desconto para a compra destes doces nos establecementos de alimentación asociados Xiana e Panadería Gestal. Deste modo, a asociación quere agradecer tamén a confianza depositada no pequeno comercio local.