O sábado 18 Os Juanpiños actuarán na terraza da Cervexería Play e o domingo 19 Cora Velasco levará a súa música á praza do Balneario.

O ciclo de concertos nas terrazas da hostalería organizado polo Arteixo CCA prolongarase ata o 25 de setembro.

Os concertos de ‘veranEarte’ volverán esta fin de semana a Arteixo e farano, ademais, por partida dobre. O sábado 18, a partir das 12:30 horas, Os Juanpiño’s serán os encargados de amenizar a sesión vermú, coas súas particulares versións de grandes éxitos da música en español, na terraza da cervexería Play. O acceso ao concerto será totalmente gratuíto, pero o aforo estará limitado e controlado, coma sempre, de acordo cos protocolos establecidos para a hostalería.

O domingo 19, á mesma hora, a música chegará a un espazo inédito para este ciclo de concertos. A cantante e compositora Cora Velasco actuará na Praza do Balneario e a súa actuación poderá seguirse dende as terrazas do Forno da Vella, Bar Code, Latitud 43 e Café Chycoria. Os catro establecementos colaboran co Arteixo Centro Comercial Aberto na organización desta sesión vermú, protagonizada por unha artista con catro traballos publicados e numerosos seguidores tanto dentro como fóra de Galicia.