O Arteixo CCA retoma as sesións vermú de ‘veranEarte’

A mellora da situación epidemiolóxica e a rebaixa do nivel de restricións permiten retomar a programación no mes de setembro.

A próxima fin de semana haberá concertos sábado e domingo nas terrazas da Viñoteca O Refuxio e Longaeva.

O ciclo de concertos nas terrazas ‘veranEarte’, organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto para impulsar a actividade da hostalería, retoma a súa programación a próxima fin de semana con dúas novas sesións vermú. O sábado, 4 de setembro, Chasis actuará a partir das 12:30 horas na terraza da Viñoteca O Refuxio, no Paseo do Balneario, e o domingo 5 de setembro Javier Insua levará a súa música, á mesma hora, á terraza do bar Longaeva, situado na Praza Mestre Cándido. O acceso aos concertos, coma sempre, será totalmente gratuíto, aínda que o aforo estará controlado de acordo coas recomendacións sanitarias.

Durante o mes de agosto, atendendo á situación epidemiolóxica, a dirección do Arteixo CCA optou por interromper temporalmente o ciclo de concertos. A baixada da incidencia rexistrada nas últimas semanas volveu situar a Arteixo no nivel medio de restricións, recuperando o 100% de ocupación nas terrazas e facendo posible retomar a programación con plenas garantías para a saúde. De manterse esta evolución favorable e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, as sesións vermú prolongaranse durante todas as fins de semana de setembro e seguirán rotando por diferentes locais de hostalería da localidade

Éxito da iniciativa

O ciclo de concertos ‘veranEarte’, a pesar das dificultades, tivo unha magnífica acollida entre o público e tamén entre as empresas do sector da hostalería. Numerosos establecementos, asociados e non asociados, amosaron o seu interese en acoller algún dos concertos, organizados polo Arteixo CCA e protagonizados por bandas e artistas locais. Tamén foi moi ben recibida a colección de vermús artesanais ‘veranEarte’, creada especificamente para a ocasión pola marca Bocamanga e inspirada nas praias de Arteixo.