O Arteixo CCA e a Fundación ‘la Caixa’ entregan a Cáritas 950 euros en vales para a compra de alimentos frescos

A asociación comprometérase a destinar a este fin 0,45 euros por cada unha das felicitacións distribuídas a través da campaña das Postais Solidarias.

A próxima semana realizarase a entrega dun cheque para a compra de material escolar ao alumnado de 6º A do CEIP de Galán.

 A campaña das Postais Solidarias 2021-22 concluíu, o pasado mes de xaneiro, coa recollida de dúas toneladas de alimentos non perecedoiros, unha cifra que superou amplamente as expectativas do Arteixo Centro Comercial Aberto e da Fundación ‘la Caixa’, entidade que colaborou coa iniciativa. Xunto ás doazóns entregadas nos establecementos colaboradores, a asociación que agrupa ao pequeno comercio e a hostalería local anunciou que destinaría 0, 45 euros para a compra de alimentos frescos por cada unha das felicitacións de Nadal distribuídas, unha cifra que triplica a de anos anteriores grazas á contribución de Caixabank. Este compromiso materializouse coa entrega dun cheque a Cáritas Arteixo por importe de 950 euros.

O acto de entrega contou coa participación da presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez; do director da oficina Caixabank da Avenida dos Bosques, Alberto García e da xestora de negocios da sucursal Yolanda Roel. Tamén estivo presente a directora de Cáritas Arteixo, Mari Carmen Verdía, quen recolleu a doazón e expresou o seu agradecemento non só as entidades promotoras da campaña, senón “a todas as persoas que contribuíron, na medida das súas posibilidades, a que a campaña deste ano volvera ser un éxito”. O importe do cheque será distribuído entre as familias con menos recursos da localidade en forma de vales de compra que se poderán intercambiar nas tendas de alimentación asociadas.

Ángela Sánchez tamén amosou a súa satisfacción ante o resultado da campaña e indicou que “o pequeno comercio é moi sensible coa situación que están a pasar os nosos veciños e veciñas nestes anos de pandemia”. Ademais de entregar o cheque para a compra de alimentos frescos, o Arteixo CCA quixo recompensar a creatividade e o esforzo do alumnado dos oito centros educativos que colaboraron con esta iniciativa co sorteo doutro vale, de 150 euros, para a compra de material escolar. Todas as aulas que presentaron deseños optaban ao premio e a gañadora foi, finalmente, a clase de 6º A do CEIP de Galán, en Oseiro. A presidenta da asociación agradeceu a boa disposición de estudantes e docentes para formar parte desta iniciativa e anunciou que a próxima semana se realizará a entrega do cheque no propio colexio.

A campaña das Postais Solidarias recolle dúas toneladas de alimentos no comercio e na hostalería de Arteixo

O Arteixo CCA destinará a Cáritas 950 euros para a compra de alimentos frescos e sorteará un vale para material escolar entre as aulas que participaron.

A iniciativa contou coa colaboración da Obra Social “la Caixa” e as doazóns foron entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.

A xente de Arteixo volveu demostrar a súa implicación co benestar de todas as familias da localidade. Os establecementos asociados ao Arteixo CCA recolleron, a través da campaña das Postais Solidarias, arredor de dúas toneladas de alimentos non perecedoiros durante o mes de decembro e a primeira semana de xaneiro. A iniciativa contou coa colaboración da Obra Social “la Caixa”, a través da oficina de Caixabank da Avenida dos Bosques e máis de 3.000 escolares puxeron a súa creatividade a disposición dunha boa causa. O voluntariado do Banco de Alimentos Rías Altas xa pasou a recoller as doazóns, que serán distribuídas entre as entidades de carácter social que traballan coas familias con menos recursos de Arteixo.

Este ano, a asociación que agrupa ao comercio e a hostalería local comprometérase ademais a triplicar a cantidade que cada ano entrega a Cáritas Arteixo en forma de vales para a compra de alimentos frescos. Por cada postal, destinaranse 0,45 euros a tal fin e en total distribuíronse máis de 2.000 felicitacións. Isto supón que a cantidade global ascenderá a 950 euros, unha cifra récord para a tradicional campaña solidaria de Nadal. Ademais, esta mesma semana realizarase o sorteo dun vale de 150 euros para a adquisición de material escolar entre as diferentes aulas dos oito centros educativos que participaron na iniciativa.

 

Agradecemento

No acto de entrega das doazóns, a presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez, expresou o seu agradecemento ás distintas entidades que colaboraron na iniciativa e a todas as persoas que deixaron a súa doazón nalgún dos establecementos onde estaban expostas as Postais Solidarias. “Pode parecer un xesto insignificante, pero ese pequeno esforzo será de gran axuda para moitas familias da nosa vila”, indicou a presidenta, que reiterou “o compromiso do comercio, a hostalería e as pequenas empresas que prestan os seus servizos en Arteixo co benestar de toda a comunidade”. Do mesmo modo, dende o Banco de Alimentos Rías Altas valoraron de forma moi positiva a resposta da veciñanza.

A Obra Social “la Caixa” colabora na iniciativa, que permitirá recadar alimentos para as familias con menos recursos de Arteixo.

A asociación que agrupa ao comercio e a hostalería triplicará este ano a cantidade destinada á compra de alimentos frescos.

O Arteixo Centro Comercial Aberto e a Fundación “la Caixa” colaboran nunha nova edición da campaña solidaria do Nadal, que este ano recupera o formato das postais pintadas por nenos e nenas da localidade. Arredor de 3.000 escolares porán a súa creatividade a disposición da iniciativa, na que participan oito centros diferentes de educación infantil e primaria. As postais en branco, que contan cun deseño renovado, estanse repartindo xa nas escolas e durante o mes de decembro estarán a disposición do público, xa pintadas polo alumnado, nos establecementos asociados. Poderán adquirirse, como vén sendo habitual, a cambio da entrega de alimentos non perecedoiros.

As doazóns que se recollan a través das Postais Solidarias serán entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas, que se encargará de distribuílas entre as entidades benéficas que traballan, en Arteixo, coas familias con menos recursos e os colectivos en risco de exclusión. O ano pasado, as Máscaras Solidarias lograron recadar un total de 2,7 toneladas de alimentos e nesta edición, a dirección do Arteixo CCA confía en obter novamente unha boa resposta por parte da veciñanza. Na presentación desta nova campaña, a presidenta da asociación, Ángela Sánchez, lembrou que “o comercio de proximidade ten un compromiso co benestar da comunidade á que pertence, por iso non podemos deixar de implicarnos en iniciativas coma esta”.

Vales para alimentos frescos

Xunto ás doazóns que se recollan en forma de alimentos non perecedoiros, o Arteixo CCA entregará a Cáritas Arteixo, por cada postal, 0,45 euros en vales para a compra de alimentos frescos nos establecementos asociados. A cantidade triplica á destinada en edicións anteriores para este mesmo fin e a esa contía haberá que engadir, ademais, a entrega dun cupón de 150 euros para a compra de material escolar que se sorteará entre todas as aulas participantes. O acordo de colaboración coa Obra Social “la Caixa”, que fará posible esta iniciativa, xestionouse a través da oficina local de CaixaBank situada na Avenida dos Bosques, número 25.