Economía local: establecementos que integran, unha campaña do Arteixo CCA en favor da accesibilidade

O Centro Entelequia colabora nunha iniciativa deseñada para facer que a pequena economía se adapte ás necesidades de distintos colectivos

Nas próximas semanas distribuiranse materiais específicos para as persoas con Trastornos do Espectro Autista e discapacidade visual

Arteixo, 14 de xullo. O Arteixo Centro Comercial Aberto presentou unha nova campaña dirixida a facilitar o acceso de distintos colectivos ao pequeno comercio e a hostalería local. En colaboración co Centro Psicopedagóxico Entelequia, que xa desenvolveu iniciativas deste tipo en Santiago de Compostela e outros concellos de Galicia, preparáronse unha serie de pictogramas que describen, de maneira sintética, o que é cada establecemento e que axudarán ás persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) a comprender a actividade que se desenvolve en cada lugar. Xunto a este material, distribuirase tamén un decálogo de boas prácticas para afrontar este tipo de trastornos e outras formas de diversidade funcional.

Por outra parte, no marco desta campaña que leva por nome “Economía local: establecementos que integran”, deseñáronse distintos carteis en braille seguindo as recomendacións da ONCE para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade visual. Estes paneis repartiranse entre os establecementos asociados e ofreceranse, a maiores, a aqueles que non son membros do Arteixo CCA para que toda a pequena economía local teña a oportunidade de sumarse a este proxecto de maneira totalmente gratuíta.

Valor social

A presentación da campaña contou coa participación da presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez, da logopeda Yaiza Otero e da psicomotricista Gemma González Río, que participaron directamente na elaboración dos materiais. Ángela Sánchez agradeceu a colaboración do Centro Entelequia e destacou “o valor social que proporciona a pequena economía local”. Amosou, por outra parte, a súa confianza en que todos os establecementos se sumen á iniciativa, xa que desta maneira, na súa opinión, “non só facemos máis accesible o comercio de proximidade e a hostalería, senón que demostramos o noso compromiso coa igualdade de oportunidades para toda a cidadanía. Adiantou, ademais, que nos próximos meses se desenvolverán campañas similares para impulsar a integración doutros colectivos.