O coello levará no seu “Motocoello” os regalos ás casas dos afillados e as afilladas que vivan na contorna do núcleo urbano e repartirá ovos de chocolate entre os nenos e as nenas da vila

O Arteixo Centro Comercial Aberto vén de renovar a súa directiva, con Lucía Graíño, de Sofás Blasco, como nova Presidenta

Arteixo, 3 de abril. A figura máis entrañable da Pascua xa chegou a Arteixo. O sábado 8 e domingo 9, o Coello do Arteixo Centro Comercial Aberto repartirá polas casas os regalos dos padriños e as madriñas, pero xa está circulando dende esta fin de semana polas rúas do centro urbano e os camiños das distintas parroquias do concello. A bordo do seu peculiar vehículo, bautizado como ‘Motocoello’, está dando a coñecer a iniciativa entre a cidadanía e repartirá ovos de chocolate entre as nenas e os nenos que se acheguen a el.

O sábado e o domingo de Pascua , o Coello fará o seu reparto polo centro urbano e as zonas máis próximas, pero o Arteixo CCA ofrece tamén a posibilidade de enviar os agasallos, a través de servizo de mensaxería e sen ningún custo engadido, aos domicilios máis afastados. Ademais, dende a semana pasada estanse repartindo coas compras vales desconto para a adquisición de ovos de Pascua ou roscóns para usar en en Xiana, Pan&Pistacho e Panadería Gestal.

O Arteixo CCA renova a súa directiva cunha maioría de novos asociados

Tras dous anos de mandato de Ángela Sánchez, de El Mundo de Angie, tanto ela como Encina González, de Óptica Arteixo, e David Pena, de DyD Automóviles, ceden o mando a Lucía Graíño, de Sofás Blasco que pasa da Vicepresidenta a Presidenta da entidade. Na pasada Asemblea Anual celebrada o 13 de marzo, o Arteixo Centro Comercial Aberto elixiu unha nova directiva á que sumaron 3 integrantes que acaban de chegar á asociación: Lidia Suárez, de Academia Lidia, Laura Castro, de Librería Mina e Diego Carballeira, de Herboristería A Semente.

“O principal obxectivo que nos marcamos é seguir sumando integrantes e sectores, por iso é importante contar con quen acaba de chegar, para saber que lles fixo unirse a nós”, explicou Graíño na Asemblea. Para ela e para o resto da directiva “é necesario trazar unha estratexia de dinamización para Arteixo que ofreza unha alternativa de ocio propia dunha vila con entidade propia, non dunha cidade dormitorio”, explicou.