Inauguración da segunda edición do ‘Stock Fóra!’

A fin de semana dos descontos no comercio de Arteixo. O concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, e a vicepresidenta do Arteixo CCA, Lucía Graiño, realizaron a primeira tirada da ruleta da sorte, que estará instalada na Avenida do Balneario ata o domingo a mediodía.
 
Máis de vinte establecementos participan no evento de liquidación de stocks de final de temporada, que organiza o Concello coa colaboración da asociación de comerciantes. Durante tres días, haberá centos de artigos con prezos rebaixados e os tickets de compra servirán para optar a unha morea de agasallos.

 

Máis de 20 comercios de Arteixo ofrecen grandes descontos na segunda edición do ‘Stock Fóra!’

A fin de semana das oportunidades amplía o número de establecementos participantes con respecto á edición de 2021.

O Arteixo CCA repartirá centos de agasallos entre as persoas que proben sorte na ruleta instalada na Avenida do Balneario.

Arteixo, 10 de marzo. Xa está todo listo en Arteixo para a segunda edición do ‘Stock Fóra!’. En total, 22 comercios da localidade inscribíronse para participar no evento de liquidación de stocks de final de temporada e porán a disposición do público centos de artigos con prezos rebaixados. Hai establecementos de moda e complementos, calzado, óptica, tecnoloxía, xoiería, mercería, fogar, librería e mesmo xardinería. O número de participantes increméntase respecto á edición do ano pasado, que obtivera unha magnífica resposta por parte dos consumidores locais a pesar das restricións á mobilidade que estaban en vigor naquel momento.

As ofertas especiais do ‘Stock Fóra!’ prolongaranse durante tres días na maior parte dos establecementos, entre a mañá do venres 11 e o mediodía do domingo 13 de marzo. O formato consolídase, deste modo, como “a fin de semana das oportunidades en Arteixo” e as vantaxes para o público van máis alá dos descontos. O Arteixo Centro Comercial Aberto instalará un stand, na céntrica Avenida do Balneario, onde se repartirán máis de 1.000 euros en premios. Para optar a estes agasallos, será preciso presentar un ticket de compra da fin de semana emitido por algún dos comercios inscritos e probar sorte na ruleta.

O Concello de Arteixo asume, nesta ocasión, a organización do evento, para o que conta coa colaboración da asociación que agrupa ao pequeno comercio e a hostalería local. Os establecementos onde se poderán atopar as ofertas son Lencería Maneux, Balneario Visión, El Mundo de Angie, Tien21, Mira Home, CSK, Mercería Naya, Calzados Pasos, Librería Laydi, Xoiería Barca, Boneca, Peques Arteixo, Star.co, Brooklyn, Tres Sorrisos, Triscos, SEA-CENOR, Retales Corral, General Óptica, Calzados Ramos, Don Agro e Sindo Xoierías. Todos estarán identificados cunha alfombra rosa diante do escaparate e o Arteixo CCA distribuirá folletos informativos cun mapa da distribución dos locais.

Arteixo prepara unha nova edición do ‘Stock Fóra!’ con premios e descontos no comercio local

Do venres 11 ao domingo 13 de marzo, os establecementos participantes rebaixarán o prezo de centos de artigos de todo tipo.

O Concello asume a organización do evento e o Arteixo CCA repartirá premios, cos tickets de compra, na carpa instalada na Avenida do Balneario.

Arteixo, 3 de marzo. A primeira edición do ‘Stock Fóra!’, celebrada en 2021, tivera unha magnífica acollida entre o público e o comercio de proximidade de Arteixo decidiu apostar novamente por este formato para a feira de liquidación de stocks de final de temporada. O Concello asume nesta ocasión a organización dun evento que contará coa colaboración do Arteixo Centro Comercial Aberto para a coordinación das actividades. A inscrición é gratuíta e está aberta a todos os establecementos da localidade, independentemente de que estean asociados ou non, e todos os que participen estarán identificados cunha alfombra rosa diante do escaparate.

A oferta comercial do ‘Stock Fóra!’ abranguerá todo tipo de produtos, dende moda a tecnoloxía pasando por agasallos, decoración, artesanía ou xoguetes. Centos de artigos contarán con prezos rebaixados e o Arteixo CCA entregará unha morea de agasallos entre todas as persoas que se acheguen cun ticket dos comercios participantes pola carpa instalada na Avenida do Balneario. Aceptaranse os documentos de compra emitidos entre a mañá do venres 11 e o domingo 13 a mediodía, e a ruleta determinará cal é o premio. Xunto con outras moitas sorpresas, entregaranse 1.000 euros en vales de compra para o comercio local.

A presentación do evento contou coa participación da presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez, e do concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, que expresaron a súa confianza en reeditar o éxito da primeira edición do ‘Stock Fóra!’. A presidenta da asociación de comerciantes agradeceu o apoio do Concello a este tipo de iniciativas de dinamización, que cualificou como “moi necesarias para impulsar o consumo e facer máis competitivo ao pequeno comercio”. Ángel Vázquez, pola súa parte, trasladou unha invitación a toda a xente das localidades veciñas a “achegarse a descubrir a enorme oferta de compras e lecer que temos en Arteixo”.