O Arteixo CCA organiza un mercado de libros durante a Festa das Flores
Estará instalado toda a mañá do sábado 28 na rúa Canónigo Cándido Varela e contará coa participación de varias librerías locais
Haberá concertos de Entresons, contacontos en inglés con Kids&Us, sinaturas de libros e sesión vermú na Praza do Balneario
Arteixo, 26 de maio. Arteixo recupera, despois de dous anos, un dos grandes eventos da primavera e o Arteixo Centro Comercial Aberto vaise sumar á celebración da Festa das Flores coa organización dun mercado de libros ao aire libre. Á Lus do Candil, Regalos Coccolate, Kids&Us, Librería Marina, Librería Mina e Tiko Doco instalarán a súa exposición, este sábado 28 de maio, na rúa Canónigo Cándido Varela. A partir das 10 da mañá, o público poderá gozar dunha ampla oferta literaria para todas as idades e dunha programación conformada por distintas actividades que se irán sucedendo ao longo da mañá.
Recoñecidas escritoras e escritores locais pasarán polo mercado para asinar exemplares dos seus libros. Ás 10:30 horas, estará Graciela Rabuñal coa súa novela Una mujer desmesurada; ás 11:15 horas será a quenda de Silvia Penide coa súa obra, dirixida ao público infantil, Diferentes diferencias; ás 12:00 horas pasará polo stand Pablo Mariño para compartir cos lectores e lectoras de Arteixo o seu poemario Nocturnia 46 e Isabel García pechará a xornada de dedicatorias co seu último libro, El día que me quieras.
Música e contacontos
Dentro da programación de carácter lúdico, a música será unha das grandes protagonistas, xa que o alumnado de Entresons ofrecerá un concerto a partir das 11:30 horas e ás dúas da tarde o dúo #DosEn Punto amenizará a sesión vermú na Praza do Balneario. Ademais, a cativada terá a oportunidade de divertirse cunha sesión de contacontos que chegará da man de Kids&Us. Está programada para as 12:30 horas e aparte de pasar un bo rato, os nenos e as nenas de 3 a 8 anos terán o oportunidade de practicar o seu inglés. A través desta iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello, o Arteixo CCA quere impulsar a actividade lúdica e cultural na localidade, ofrecendo o seu apoio ao talento local e dinamizando o pequeno comercio de proximidade.