• A decisión de suspender o mercado dos sábados supuxo un agravio para o conxunto da economía local.
  • Chegou o momento de poñer en marcha novas campañas de dinamización comercial por parte do sector e das institucións.

Frear a propagación da covid-19 é o maior reto ao que nos enfrontamos neste momento. Toda a sociedade no seu conxunto e particularmente os profesionais do comercio estamos a realizar un gran esforzo para adaptar a nosa actividade aos protocolos de seguridade e garantir, deste modo, a saúde de todas as persoas implicadas: traballadores, clientes e provedores.

En Arteixo, o comercio é un sector vivo e dinámico, representado non só polos establecementos que prestan diariamente o seu servizo na vila, senón tamén polo Feirón que cada sábado congregaba a centos de persoas. Hai uns meses retomárase a súa celebración condicionada, iso si, polas novas normas de seguridade. Sen embargo, hai unhas semanas o Concello tomou a decisión de suspendelo novamente ante a evolución desfavorable da situación sanitaria.

Tanto os ambulantes como os propietarios de establecementos na vila entendemos que esta medida supuxo un agravio para a economía local. Noutros concellos da contorna, a pesar de ter as mesmas restricións ca nós, seguen celebrando as súas feiras semanais, xa que a Xunta permite o desenvolvemento da actividade. En boa lóxica, os vendedores que dende hai 28 anos montan o seu posto en Arteixo senten que están a recibir un trato discriminatorio e se ven que non poden traballar aquí, acabarán levando o mercado dos sábados a outro lugar. Ese é un luxo que o comercio local non se pode permitir.

As socias e os socios do Arteixo CCA están loitando para manter a frote os seus negocios nun momento complicado. O volume de vendas caeu en picado a raíz da pandemia e os clientes que acudían á vila cada sábado coa escusa do Feirón daban un pequeno respiro semanal ao comercio e á hostalería locais. A interrupción do mercado supuxo, a todas luces, un duro golpe para dous sectores dos que dependen economicamente moitas familias.

O Arteixo CCA e os feirantes mantivemos unha reunión para avaliar a situación e ambas partes coincidimos na necesidade de retomar canto antes a celebración do mercado. Estamos estudando a forma de poñer en marcha campañas conxuntas de dinamización comercial para atraer de novo aos consumidores aos nosos postos, tendas e establecementos de hostalería. Tamén pensamos que é preciso impulsar, desde as institucións, iniciativas como a distribución de bonos para favorecer as compras na vila, algo que xa se probou noutras localidades con bastante éxito, ou a peonalización temporal dalgunhas rúas.

Estamos unidos en defensa do Feirón do mesmo modo que estamos decididos a seguir ofrecendo plenas garantías sanitarias aos nosos clientes. Todos queremos un comercio seguro, sustentable e que sexa un motor económico para a vila.

 

De esquerda a dereita, Juana Rodríguez López, María Encina González (vicepresidenta do Arteixo CCA) e María Yolanda Rodríguez Pena.