O Arteixo CCA súmase á campaña “As forzas que multiplican” para poñer en valor a pequena economía local

A Asociación Galega de Xerencia de CCA reivindica a cooperación dos pequenos negocios para mellorar a súa competitividade fronte ás grandes superficies.

O ciclo de concertos ‘veranEarte’ é unha das iniciativas seleccionadas para exemplificar  o traballo das asociacións locais de comerciantes.

O comercio de proximidade e os pequenos establecementos de hostalería das vilas e cidades de Galicia saben, por experiencia propia, que a unión fai a forza. Os centros comerciais abertos levan décadas deseñando e coordinando campañas para facer máis competitiva á pequena economía local, un traballo que as xerencias destas entidades queren poñer en valor baixo o lema “As forzas que multiplican”.  A Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos (AGAXECCA) vai poñer en marcha unha campaña para dar a coñecer, a través das redes sociais, algunhas das propostas máis innovadoras desenvolvidas, nos últimos anos, por máis de 30 asociacións diferentes.

O principal obxectivo desta iniciativa é poñer en valor a importancia dos pequenos negocios locais como creadores de riqueza e emprego, pero tamén como axentes dinamizadores da vida social nas súas respectivas localidades. Para seguir enchendo de vida os barrios, necesitan ser competitivos fronte ás grandes superficies e os xigantes do comercio online e en moitos casos, iso foi posible grazas á cooperación e ás campañas impulsadas dende as xerencias dos CCA. Son profesionais que están en contacto permanente coas empresas e as institucións, que coñecen as necesidades do sector e que contan un órgano de coordinación, AGAXECCA, dende o que se impulsa a creatividade no deseño de estratexias de dinamización comercial.

 

Todo tipo de campañas

Na campaña “As forzas que multiplican”, que conta co financiamento da Deputación da Coruña, estarán representadas propostas moi diversas orientadas á dinamización comercial, ao relanzamento da actividade da hostalería ou a atraer consumidores de fóra da localidade onde desenvolve o seu traballo o CCA. Nalgúns casos, trátase de iniciativas que serviron para renovar campañas comerciais tradicionais, como o Nadal ou as rebaixas; noutros, as asociacións apostaron pola innovación para integrar as novas tecnoloxías no comercio tradicional. Son, en todos os casos, exemplos de como a unión e a coordinación das pequenas empresas de ámbito local serviu para multiplicar a súa competitividade. O Arteixo CCA estará representado nesta campaña a través do ciclo de concertos ‘veranEarte’, que levou a música de bandas e locais ás terrazas da hostalería durante os meses de xullo, agosto e setembro.