The Mystic River actuará no segundo concerto do ciclo organizado polo Arteixo CCA nas terrazas da hostalería local.
Cada fin de semana, durante os meses de xullo, agosto e setembro, haberá espectáculos en distintos establecementos de Arteixo.
Arteixo, 8 de xullo. A música inundará este verán as terrazas dos bares e cafeterías de Arteixo. A Cervexería Pepucho, en Vilarrodís, acollerá a segunda sesión vermú do ciclo VERANeARTE, organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto para impulsar a actividade da hostalería local. O grupo de versións de pop-rock The Mystic River actuará este sábado, 10 de xullo, na terraza do local a partir das 12:30 horas e o acceso ao concerto será gratuíto. En todo caso, o aforo estará limitado para garantir a distancia de seguridade entre as mesas e cumprir con todas as recomendacións sanitarias. As persoas que desexen reservar mesa poden enviar un WhatsApp ou chamar por teléfono ao 619 83 30 24.
Os ciclo de concertos, enmarcado na campaña de dinamización ‘Facemos Arteixo’, prolongarase durante os meses de xullo, agosto e setembro e irá rotando polas terrazas de distintos establecementos de hostalería. Cada semana, o Arteixo CCA sortea a través das súas redes sociais unha mesa reservada para catro persoas e unha botella de vermú de edición limitada VERANeARTE. En colaboración con Distribuciones Cotelo, a asociación que agrupa ao comercio e hostalería de Arteixo encargou unha colección de seis vermús diferentes etiquetados co nome e a imaxe de distintas praias do termo municipal. Son bebidas artesanais, elaboradas pola marca Bacamanga e con distintos matices de sabor: vermú de barrica, de cimbro destilado, mixto, de laranxa, branco e aperitivo pico vermello.