Arteixo pecha a súa feira do motor cun notable éxito de vendas
As boas cifras da fin de semana serven de contrapunto á situación de incerteza que está a atravesar o sector dende hai uns meses
O Arteixo CCA colaborou co Concello na organización do evento, que contou con atraccións infantís para facilitarlle a visita ás familias
Arteixo, 10 de maio. A feira do motor ‘Auto Arteixo’ recuperou, despois de dous anos de pandemia, o seu formato tradicional e recibiu centos de visitantes non só da área metropolitana da Coruña, senón de toda a provincia. Os seis concesionarios participantes lograron pechar decenas de vendas, aínda que as altas temperaturas e o tempo solleiro da fin de semana non favoreceron unha afluencia masiva de público. Unha porcentaxe moi elevada das persoas que se achegaron ata a explanada do Campo da Festa acudiron con vontade de comprar coche e isto notouse na cantidade de transaccións pechadas con éxito.
O mellor día, por volume de negocio, foi o sábado, pero o goteo de visitantes foi constante ao longo das tres xornadas que durou o evento. As boas cifras da feira serven de contrapunto ao pésimo momento que está a atravesar sector do vehículo de ocasión a nivel nacional e internacional. Os datos do primeiro trimestre de 2022 figuran entre os peores a nivel histórico, como consecuencia da situación de incerteza económica e a crise dos microchips, que provocou nos últimos meses un desabastecemento xeneralizado do mercado de coches usados.
Alicientes para o público
O Arteixo CCA colaborou co Concello na organización desta edición de ‘Auto Arteixo’, na que estiveron presentes, aparte de talleres, concesionarios e negocios de compra-venda, as compañías de seguros integradas na asociación de comerciantes. Para facilitar a visita das familias instaláronse, ademais, inchables e atraccións infantís que fixeron as delicias dos nenos e nenas mentres os maiores percorrían a exposición. Durante as próximas semanas, o volume de negocio derivado do evento podería incrementarse con novas operacións nos propios establecementos, xa que a feira serviu como escaparate para a ampla oferta do sector do motor en Arteixo.