O Arteixo CCA reparte as 3.500 “máscaras solidarias” pintadas polos escolares
Poderán intercambiarse por alimentos non perecedoiros nos establecementos asociados a partir deste sábado.
O listado dos comercios onde se poderán atopar as máscaras de cada aula está publicado nas redes sociais.
Arteixo, 4 de decembro. Hai unhas semanas, o Arteixo Centro Comercial Aberto repartiu 3.500 máscaras brancas entre os escolares de Arteixo, que as decoraron para convertelas en auténticas obras de arte. Os oito centros educativos que participan na iniciativa entregaron xa as creacións dos seu alumnado, que a partir deste sábado, 5 de decembro, poderán ser adquiridas a cambio de alimentos non perecedoiros nos establecementos asociados. As doazóns serán destinadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.
Son máscaras estritamente decorativas, foron confeccionadas especificamente para ser pintadas e non deben ser utilizadas, en ningún caso, como equipos de protección individual. Pódeas levar calquera persoa que queira colaborar, non ten porque ser a familia da nena ou do neno que a pintara. En todo caso, o listado cos establecementos onde será posible atopar as máscaras de cada aula está publicado nas redes sociais do Arteixo CCA (Facebook e Instagram) e tamén o teñen nos propios colexios.
As máscaras toman o relevo, na campaña solidaria deste ano, das postais que creaban os escolares en edicións anteriores. A iniciativa, desenvolvida polo Arteixo CCA en colaboración coa Fundación “la Caixa” (Oficina Caixabank da Avda. dos Bosques, 25), persegue o dobre obxectivo de axudar ás familias en risco de exclusión e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de respectar as medidas de prevención da covid-19. O Banco de Alimentos distribuirá as doazóns entre as distintas entidades sociais que traballan no municipio, entre elas Cáritas Arteixo.
Distribuiranse 3.500 máscaras simbólicas que poderán ser adquiridas nos establecementos do Arteixo CCA a cambio de alimentos non perecedoiros.
A campaña desenvólvese en colaboración coa Fundación “la Caixa” e as doazóns serán entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.
Arteixo, 20 de novembro. 2020 está a ser un ano diferente. Tivemos que mudar a forma de divertirnos, de traballar e mesmo de relacionarnos con familiares e amigos. Está a ser tamén un ano difícil para moitas familias que se viron prexudicadas polas consecuencias económicas da pandemia e por iso o Arteixo Centro Comercial Aberto decidiu buscar un novo enfoque para a campaña solidaria que adoita poñer en marcha nos últimos meses do ano.
En edicións anteriores, os escolares de Arteixo creaban postais que podían ser adquiridas a cambio de alimentos non perecedoiros, pero nesta ocasión van decorar máscaras, un complemento que xa está plenamente integrado na nosa vida cotiá. Deste modo, aparte de facer chegar axuda ás familias da localidade que máis o necesitan, tamén se busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de previr a covid-19 e as consecuencias sociais da pandemia.
En total, repartiranse 3.500 máscaras entre os oito centros educativos que colaboran coa iniciativa. Son máscaras simbólicas de carácter decorativo, fabricadas especificamente para ser pintadas e, en consecuencia, non se poderán utilizar como equipos de protección sanitaria. Isto quedará ben especificado en todos os puntos onde se poidan adquirir. As nenas e os nenos da localidade daranlle o seu toque artístico persoal e todas as persoas que queiran colaborar poderán atopalas nos establecementos do Arteixo CCA. As doazóns que se reciban serán destinadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.
Esta iniciativa solidaria conta coa colaboración da Fundación “la Caixa” e o acto de presentación da campaña tivo lugar diante da oficina de CaixaBank en Arteixo (Avda. dos Bosques, 25). No acto estiveron presentes a directora da sucursal, Laura Álvarez; a xestora de negocios, Cristina Lemos; o secretario do Arteixo CCA, David Pena e a vicepresidenta María Encina González.
Acto de presentación da campaña, onde aparecen, de esquerda a dereita:
– Laura Álvarez, directora da oficina de CaixaBank en Arteixo
– David Pena, secretario do Arteixo CCA.
– Cristina Lemos, xestora de negocios da oficina de CaixaBank en Arteixo.
– María Encina González, vicepresidenta do Arteixo CCA.