A música será a gran protagonista este sábado na programación de Nadal do Arteixo CCA
O alumnado de Entresons ofrecerá dous concertos nas rúas do centro urbano e ‘The Mystic River’ actuará na Praza do Balneario.
A carpa do Güiner, onde se repartirán centos de premios, estará instalada dende as 11 da mañá na Avenida do Balneario.
O Arteixo Centro Comercial Aberto quere sorprender a todas as persoas que vaian facer as súas compras de Nadal cunha programación cargada de música e moitas sorpresas. Este sábado, 18 de decembro, as rúas do centro urbano encheranse de alegría con tres concertos gratuítos na vía pública. O alumnado da escola de música Entresons actuará ás 17:00 horas na Avenida de Fisterra, á altura do número 44, e a partir das 18:00 horas levará a súa música á Avenida do Balneario. As actividades programadas irán rotando por distintos puntos do centro urbano e a partir das 19:00 horas o dúo ‘The Mystic River’ interpretará as súas versións de grandes éxitos do pop e do rock na praza do Balneario.
A asociación que agrupa ao comercio, a hostalería e os servizos de Arteixo seguirá repartindo unha morea de premios a través do Güiner, o xogo electrónico no que participaron xa decenas de persoas a pasada fin de semana. A carpa estará instalada, dende as 11:00 horas, na zona peonil da Avenida do Balneario e poderá probar sorte no pulsador toda a xente que se achegue cun ticket de compra do presente mes de decembro. Entre os agasallos que se poden conseguir hai cadernos, botellas ou mochilas do Arteixo CCA, así como un bo número de artigos doados polos establecementos asociados.
Con plenas garantías
Todas as actividades que se desenvolven no marco da programación especial de Nadal están plenamente adaptadas ás recomendacións sanitarias de prevención da covid-19. Os concertos deste sábado terán lugar, sempre que as condicións meteorolóxicas non o impidan, en espazos ao aire libre e adoptaranse as medidas oportunas para evitar aglomeracións. O Arteixo CCA aposta pola cultura segura como ferramenta de dinamización da actividade do comercio de proximidade e a hostalería local.
Arranca a programación de Nadal do Arteixo CCA con centos de premios e espectáculos na rúa
Este sábado, 11 de decembro, a carpa dos sorteos estará na Avenida de Fisterra e Pablo Méndez Performances encherá de maxia as rúas do centro urbano.
As Postais Solidarias pintadas por escolares de Arteixo xa están a disposición do público nos establecementos asociados colaboradores.
A programación de Nadal do Arteixo Centro Comercial Aberto bota a andar este sábado, 11 de decembro, con espectáculos e sorpresas para toda a familia. Dende as 11 da mañá estará instalada, á altura do número 44 da Avenida de Fisterra, unha carpa onde se repartirán centos de agasallos entre todas as persoas que amosen un ticket de compra dos establecementos asociados. Conseguiranse a través do ‘Güiner’, un divertido xogo no que se lle asignará a cada participante, a través dun pulsador electrónico, algún dos premios doados polo comercio local ou pola propia asociación.
Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas e se a meteoroloxía non o impide, as rúas do centro urbano encheranse de maxia cunha das abraiantes performances de Pablo Méndez. A compañía pontevedresa, que levou xa os seus espectáculos por todo o mundo, convidará ao público de Arteixo a soñar a través dunha actuación repleta de fantasía. A animación de rúa, xunto coa música, é unha das grandes apostas do Arteixo CCA para a dinamización do comercio e a hostalería locais nun dos períodos de maior actividade do ano, cunha programación especial que terá continuidade nas próximas semanas.
Postais solidarias
Xunto a estes eventos, o Arteixo CCA puxo tamén en marcha, en colaboración co Fundación “la Caixa”, unha nova edición da campaña das Postais Solidarias. Arredor de 3.000 felicitacións de Nadal, pintadas polo alumnado de oito centros de educación infantil e primaria, foron distribuídas polos 60 establecementos que participan coa iniciativa e xa están a disposición do público. As persoas que desexen colaborar poderán adquirir, nas próximas semanas, algunha destas postais a cambio da entrega de alimentos non perecedoiros. As doazóns serán entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas e o Arteixo CCA destinará a Cáritas Arteixo, por cada postal, 0,45 euros en vales para a compra de alimentos frescos nos comercios asociados.
Sorteos, música e espectáculos para toda a familia na programación de Nadal do Arteixo CCA
A asociación distribuirá árbores naturais que formarán parte da decoración dos establecementos asociados.
Os sábados 11 e 18 haberá concertos, animación de rúa e unha carpa na que se repartirán centos de premios.
Arranca a campaña de compras do Nadal e o pequeno comercio de Arteixo aspira a recuperar os niveis de consumo de antes da pandemia. De cara ás datas de máis actividade de todo o ano, o Arteixo Centro Comercial Aberto distribuirá árbores naturais, que formarán parte da decoración dos establecementos asociados, e porá en marcha unha programación especial orientada á dinamización do comercio e a hostalería. Haberá concertos, espectáculos na rúa e centos de premios, que se repartirán a través dun xogo electrónico e interactivo, o “Güiner”, entre todas as persoas que se acheguen cos seus tickets de compra.
O sábado 11 de decembro, a carpa do xogo estará instalada na Avenida de Fisterra e as rúas do centro urbano acollerán unha das espectaculares ‘performances’ de Pablo Méndez. O día 18, coincidindo coa Feira do Galo, todas as persoas que fagan as súas compras no comercio local poderán volver probar sorte na carpa do Arteixo CCA, que nesta ocasión estará na Avenida do Balneario. Será ademais unha xornada repleta de música, con concertos a cargo do alumnado de Entresons e do dúo ‘The Mystic River’, que ofrecerá unha actuación gratuíta e aberta ao público na Praza do Balneario. A escola de música Entresons e a academia de inglés Kids&Us, establecementos asociados que colaboran activamente na programación, celebrarán ese mesmo día, ás 11 da mañá, un acto conxunto de Nadal para o seu alumnado no Centro Cívico de Arteixo.
A axenda de lecer terá continuidade na véspera de Noiteboa, cun novo concerto de Entresons programado para o mércores 22 no Centro Cívico e o pasarrúas de Nadal dos “Tunantes Navideños”, unha proposta de Melandrainas Teatro que encherá de alegría o centro urbano na tarde do xoves 23. A estas actividades haberá que engadir o tradicional chocolate con churros que o Arteixo CCA repartirá, na Travesía de Arteixo e na Avenida do Balneario, coincidindo coa Cabalgata de Reis. A directiva da asociación confía en que a situación sanitaria permita celebrar con normalidade todos os eventos planificados e convida a veciñanza a colaborar, ademais, coa campaña das Postais Solidarias que xa está en marcha.