Ángela Sánchez toma o relevo de Paula Díaz e asume a presidencia da asociación que agrupa ao comercio, os servizos e a hostalería.
A asemblea aprobou o programa de actividades para os próximos meses, que se irá adaptando ás restricións sanitarias en vigor.
Arteixo, 15 de xuño. Despois dun ano de pandemia onde as xuntanzas tiveron que ser de carácter telemático, o Arteixo Centro Comercial Aberto retomou a presencialidade na súa asemblea anual, celebrada no auditorio do Centro Tecnolóxico. O encontro serviu para renovar a xunta directiva da asociación coa chegada á presidencia de Ángela Sánchez, elixida por unanimidade para relevar no cargo a Paula Díaz. Ela será unha das novas incorporacións dun equipo que vai apostar por manter a liña de traballo actual e ao se vai incorporar tamén Lucía Graiño en calidade de vicepresidenta. Na súa intervención, Sánchez expresou o seu agradecemento ao equipo saínte ao indicar que, “co seu traballo, converteron ao CCA nun apoio moi importante para a pequena economía local nun momento difícil e deixáronnos o camiño máis chan de cara ao futuro”.
A nova directiva asume as súas funcións cunhas contas saneadas, a pesar dunha redución da subvención municipal que se viu compensada a través dun maior esforzo de captación de fondos procedentes da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. As contas de 2021, que foron aprobadas tamén por unanimidade, contemplan un lixeiro aumento do investimento que ascenderá, a falta de que se confirmen algunhas axudas públicas, a 117.900 euros. Con este orzamento, a asociación que agrupa ao comercio, os servizos e a hostalería de Arteixo porá en marcha un completo programa de actividades encamiñadas á dinamización da vila.
Iniciativas de promoción económica
De cara aos meses verán, o Arteixo CCA está a organizar un pequeno ciclo de concertos en horario de sesión vermú, nas terrazas da hostalería, co obxectivo de impulsar a actividade nun dos sectores máis castigados pola pandemia. A nova presidenta, Ángela Sánchez, manifestou na asemblea a súa intención de “atraer máis xente a Arteixo” e con esta idea se activarán, xa no outono, unha serie de iniciativas de promoción do consumo adaptadas ás restricións sanitarias. A pequena economía local traballa coa esperanza posta en que a evolución da situación epidemiolóxica sexa favorable e se avance, xa sen pasos atrás, cara a unha absoluta normalización da actividade.