Gañadores
Asteria Comida Real, Arume Arpado e O Petisco os grandes gañadores do XIII Concurso «de Tapas por Arteixo»
Unha edición na que participaron 12 locais, 10 que repetiron e dúas novas incorporacións, e na que se venderon máis de 12.000 tapas nunha soa fin de semana
Arteixo, 23 de agosto de 2018
Hoxe fíxose entrega dos premios da última edición do tradicional concurso gastronómico da vila, «de Tapas por Arteixo», organizado polo Centro Comercial Aberto de Arteixo. Dos tres premios que se entregaban, un, o do xurado profesional, recaeu sobre o Arume Arpado, premiado na pasada edición co premio dos consumidores. Ese premio foille entregado na edición actual á nova incorporación ao Concurso, o Asteria Comida Real, local de recente apertura en Arteixo. O Petisco, pola súa banda, gañou moi merecidamente o premio ao mellor servizo de sala.
Os propietarios dos locais asistiron á recollida de premios no Asteria Comida Real, á que tamén acudiron o alcalde Carlos Calvelo e a Concelleira de Promoción Económica Patricia Amado, que lles fixeron entrega dos diplomas e de 300€ ao local gañador do Premio do Xurado Profesional.
O CCA de Arteixo, da man da súa presidenta, Silvia Cupeiro, tamén fixo entrega dos talonarios por valor de 150€ cada un a dous dos membros do «xurado popular» seleccionados ao azar; clientas que co seu voto elixiron a mellor tapa e o mellor servizo, Esther Penas e María Jesús Esmorís.
Ademais, Distribucións Cotelo, patrocinador do Concurso de Tapas, entregou 6 botellóns de viño entre os votantes do concurso, también elegidos por sorteo, así como varias caixas de Torre Lamoreira e Regina Viarum aos locais premiados.
«Vendemos máis de 12.000 tapas nesta edición de verán que durou 4 días, o que valoramos un grande éxito», comentaba Silvia Cupeiro.
Para a Concelleira, Patricia Amado, «o concurso é unha tradición da vila e nótase cando se celebra, porque as rúas de Arteixo énchense de xente».
As tapas gañadoras foron o «Ourizo Gratinado», do Asteria Comida Real, e o «D’a Nosa Terra», do Arume Arpado. Pero recoñeceu a Presidenta que «cando fixemos o reconto a verdade é que os votos estaban máis igualados ca nunca». Uns votos que aumentaron un 30% este ano, coa decisión da organización de ter só 4 tapas tomadas e non 6 para poder votar.
A primeira das tapas gañadoras consistía nun ourizo de mar gratinado cun cremoso recheo de caviar de ourizo e algas. «Unha explosión de sabor a mar servida nun ourizo», comentaba unha das clientas premiadas. O xerente do Asteria Comida Real recoñeceu que «esta experiencia foi moi positiva, xa non só polas vendas e o recoñecemento, senón que foi unha das mellores formas de darnos a coñecer entre a veciñanza».
A outra gañadora, a tapa do Arume Arpado «D’a Nosa Terra» era unha lasaña de filloas con carne de terneira e cuberta de bechamel. «Comentaban os membros do xurado que era un prato moi sinxelo, pero que estaba estupendamente executado e presentado e sabía moi ben», explicou Cupeiro.
O concurso «de Tapas por Arteixo» pechou cun saldo moi positivo e unha serie de melloras levadas cabo, como atraer novos establecementos, ofrecer unha diversidade gastronómica entre as tapas maior, e de moita mellor calidade, e cun reto por diante: seguir crecendo en número e en profesionalidade.
Comenza o concurso
Arteixo celebra esta fin de semana a súa edición de verán do Concurso «de Tapas por Arteixo», con dous novos establecementos que entran neste tradicional roteiro gastronómico bianual da vila.
O Concurso de Tapas desta edición estival será unha única fin de semana, pero comezando xa a noite do xoves 9 ata a noite do domingo 12 de agosto, na que se poderán probar as 12 tapas a concurso, que terán unha variedade sen precedentes: verduras, tenreira, ourizo de mar ou peixes serán algúns dos ingredientes das propostas desta edición.
Porque desta volta repartíronse 10 ingredientes base entre os 12 locais participantes, e deixouse aberta a opción de utilizar outros ingredientes distintos dos sorteados, algo que fixeron moitos hostaleiros, para ofrecer á clientela unha diversidade gastronómica maior.
Coma nas anteriores edicións, o público terá a opción de votar a tapa que máis lle guste, despois de ter probado 4 tapas distintas e telas marcadas na súa folla de votación -que é á vez un mapa para saber onde está cada local-, e tamén votar ao local que lles prestase mellor atención. Deste xeito, o público convírtese no xurado popular que entregará o seu premio á mellor tapa e o premio ao mellor servizo.
E para agradecerllo, Arteixo Centro Comercial Aberto, entidade organizadora, e Distribucións Cotelo, empresa colaboradora, sortearán distintos premios e 300€ en vales de compra entre os e as comensais votantes.
Ademais destes premios, estará o premio do Xurado Profesional, outorgado por varias persoas do sector, e que estará dotado de 300€ para o local gañador.
O Concurso de Tapas por Arteixo é un evento gastronómico que conta con 6 anos de tradición nesta vila, na que se chegan a vender 15.000 tapas nunha soa fin de semana, o que o convirte nunha das actividades de maior interese económico para o sector hostaleiro arteixán.
Inscrición até o 11 de xullo
Traémosche moitas novidades na XIII edición do Concurso De Tapas por Arteixo. Un concurso no que participan os locais de hostalaría do noso centro urbán, asociados ou non ao Arteixo CCA!
Novidades!
Cotas:
Este ano establecemos distintas cotas:
30€ se eres socio do Arteixo CCA
180€ se non eres socio pero queres darte de alta
200€ para os demais locais
Conta bancaria para pago da taxa:
LA CAIXA: ES38 2100 5097 26 0200066423
CONCEPTO: cota concurso tapas + nome establecemento hostaleiro
Premios:
Recuperamos o premio económico de 300€ para a mellor tapa!
Sorteo de ingredientes:
Para fomentar a diversidade entre as tapas, sortearanse os ingredientes base entre os participantes. En todo caso, os participantes poderán optar por utilizar de base outros alimentos que non fosen sorteados. Terás unha semana para pensar a túa tapa!
Datas do concurso:
O prazo de inscrición remata o 11 de xullo. O sorteo do ingrediente será o 12 de xullo. Deberase enviar unha foto e descrición da tapa á organización antes do 19 de xullo.
E dende o xoves 9 ata o domingo 12 de agosto, imos de tapas!.
Cómo participar?
Inscríbete enviando os teus datos (nome da persoa encargada, nome do local e teléfono de contacto) a cca@ccaarteixo.com así coma o xustificante de pago da inscrición, antes do 11 de xullo! Tamén a través do whatsapp ao 608 54 90 11.
Tedes as BASES COMPLETAS aquí
Información
Teléfonos: 608 549 011
cca@ccaarteixo.com
A inscrición e pagamento da cota do concurso implica a aceptación das bases do mesmo.