As medidas adoptadas pola Xunta de Galicia van supoñer un prexuízo para o conxunto da economía local.

Os bares e restaurantes séntense inxustamente sinalados como culpables tras cumprir escrupulosamente cos protocolos sanitarios.

Arteixo, 8 de xaneiro. As novas medidas establecidas pola Xunta de Galicia para facer fronte á covid-19, que impoñen o peche da hostalería na “améndoa” da Coruña a partir das 18:00 horas, foron recibidas como un golpe para o conxunto da economía local. A dirección do Arteixo Centro Comercial Aberto entende que as restricións van provocar unha diminución do consumo non só na hostalería, senón tamén no comercio, xa que a actividade de ambos sectores está estreitamente ligada. Esta situación coincide, ademais, co inicio dun período de rebaixas no que moitos establecementos da vila tiñan depositadas as súas esperanzas de recuperación.

O xerente do Arteixo CCA, Emiliano Cossini, amosou a súa desconformidade coa decisión, ao considerar que se trata dun “peche encuberto”. Moitos establecementos terán que renunciar ao seu horario de máxima actividade e a súa viabilidade económica verase seriamente comprometida. En opinión do xerente, “as novas restricións deberían ir acompañadas de axudas para as empresas do sector”, que se senten inxustamente sinaladas como culpables. “Está comprobado que os bares e restaurantes non son un foco de contaxios, entre outras cousas porque están a realizar un grandísimo esforzo para cumprir cos protocolos sanitarios”, indica Cossini.

Hostaleiros e comerciantes amosaron tamén o seu malestar ante a falla de previsión da administración á hora de tomar as súas decisións. Despois de dez meses de pandemia e coñecendo dende hai semanas cal era a evolución da situación sanitaria, as medidas foron adoptadas e anunciadas, unha vez máis, poucas horas antes da súa entrada en vigor. A imposibilidade de organizar o traballo con anticipación resulta especialmente prexudicial para un sector como a hostalería, que traballa con produtos perecedoiros.