A programación de Nadal do Arteixo CCA arranca este sábado con sorteos e horarios estendidos
Os tickets de compra dos establecementos asociados servirán para participar en xogos e optar a centos de premios.
A aula de 5ªC do CEIP Ponte dos Brozos resultou gañadora no sorteo de vales para a compra de material escolar dentro da campaña das “Máscaras Solidarias”.
“Este Nadal merca local” é o lema elixido polo Arteixo Centro Comercial Aberto para poñer en valor, durante as festas, a importancia do comercio de proximidade. O sábado 12 de decembro arranca unha programación que será, necesariamente, algo diferente á de anos anteriores. Evitaranse os actos multitudinarios e darase prioridade ao cumprimento dos protocolos sanitarios para garantir a seguridade de clientes e comerciantes, potenciando o carácter próximo e familiar do pequeno comercio local, uns valores moi acordes coas celebracións destas datas.
Co obxectivo de facilitar as compras e ofrecer máis comodidade aos clientes, os establecementos do Arteixo CCA ampliarán os seus horarios de apertura, unha medida encamiñada tamén a evitar aglomeracións no interior dos locais. Ademais, co obxectivo de incentivar a actividade comercial na vila, todos os sábados haberá sorteos e xogos nun stand que irá cambiando de emprazamento cada fin de semana. Este sábado estará instalado na Avenida de Fisterra e todas as persoas que se acheguen con tickets de compra dos establecementos asociados poderán participar en xogos optar a centos de agasallos e vales de desconto.
A campaña de Nadal do Arteixo CCA prolongarase ata o martes 5 de xaneiro e dende o 28 de decembro os comercios repartirán vales para tomar o chocolate con churros, nos locais de hostalería colaboradores, na véspera do día de Reis. Por outra parte, segue en marcha a campaña das máscaras solidarias, que este ano substitúen ás tradicionais postais pintadas polo alumnado dos centros educativos da localidade. Trala presentación da programación para as próximas semanas celebrouse o sorteo para a entrega de vales para a compra de material escolar entre as aulas participantes nesta iniciativa e o premio recaeu na clase de 5ºC do CEIP Ponte dos Brozos.
Xerente do Arteixo CCA, Emiliano Cossini,
e a vicepresidenta da entidade, María Encina González