O punto de partida foi unha reunión telemática na que participaron colectivos como o comercio, a hostalería, o feirón, os servizos ou as axencias de viaxes.
Todos os participantes coincidiron na importancia de adoptar medidas para incentivar o consumo e mellorar a competitividade das empresas locais.
Arteixo, 28 de xaneiro. Os distintos colectivos implicados na actividade económica de Arteixo coinciden na necesidade urxente de adoptar medidas que permitan facer fronte á crise derivada da covid-19. Con carácter inmediato, cren que será preciso definir novas liñas de axudas dirixidas tanto os pequenos negocios que se viron na obriga de pechar como a aqueles que sufriron unha drástica redución da súa facturación no último ano, pero están a traballar tamén no deseño dunha estratexia a distintos niveis encamiñada a incentivar o consumo na vila e mellorar a competitividade das empresas locais a medio e longo prazo.
O Arteixo Centro Comercial Aberto convocou un encontro telemático no que participaron tamén representantes do Feirón, da Asociación Hostelería Arteixo e da Asociación Galega en Defensa das Axencias de Viaxes (AGADAV). Foi a primeira toma de contacto dun grupo de traballo que se volverá reunir, nun período breve de tempo, para concretar un paquete de medidas de reactivación da economía local. A proposta será presentada publicamente, ao resto de establecementos e ao conxunto da cidadanía, antes de ser remitida ás distintas administracións.
A presidenta do Arteixo CCA, Paula Díaz, cre que “é agora, mentres a actividade económica está reducida, cando hai que pensar no que imos facer cando se levanten as restricións”. Está en xogo a viabilidade económica dos pequenos negocios da vila e, en consecuencia, o futuro de moitos postos de traballo. Sobre a mesa están algunhas demandas xa coñecidas do comercio local, pero tamén propostas novidosas e adaptadas a conxuntura actual.