As propostas foron elaboradas a partir das reunións mantidas nas últimas semanas con distintos colectivos implicados na economía local.

A estratexia, que contempla medidas a curto e medio prazo, será remitida ao goberno municipal e ao resto de grupos políticos do concello.

Arteixo, 16 de febreiro. O comercio, a hostalería e os servizos demandan medidas, non só para desenvolver o seu traballo con plenas garantías para a saúde, senón tamén para superar o actual contexto de crise económica. Nas últimas semanas, o Arteixo Centro Comercial Aberto convocou varias reunións con distintos colectivos implicados na economía local, uns encontros que serviron de punto de partida para a redacción do Plan Global de Recuperación Económica de Arteixo (Plan GREA). O documento recolle propostas orientadas a compensar a caída de ingresos derivada das restricións e a mellorar a competitividade dos pequenos negocios de cara ao futuro inmediato.

A presidenta do Arteixo CCA, Paula Díaz, define o Plan GREA como “un documento estratéxico con medidas realistas e perfectamente asumibles polas administracións públicas”. Con carácter urxente, proponse a apertura de novas liñas de axudas para as pequenas empresas e no curto prazo, apóstase por recuperar o feirón cumprindo con todos os protocolos, gañar espazos para uso peonil ou facilitar a ampliación das terrazas da hostalería, entre outras medidas. De cara aos próximos anos proponse, ademais, reforzar o investimento en dinamización comercial, crear novos incentivos para o consumo ou ofrecer vantaxes fiscais para os pequenos establecementos.

A posta en marcha de todas as medidas recollidas no Plan GREA requiría un investimento estimado en 3.682.000 euros por parte da administración pública, pero deixaría un retorno moito máis importante na economía local. Os datos recollidos no documento apóianse nun estudo detallado do impacto da crise no comercio e na hostalería de Arteixo e en informes técnicos relativos á mobilidade no centro da vila. Neste sentido, algunhas das propostas incluídas están previstas xa no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) do Concello de Arteixo.