O Plan GREA contempla medidas adicionais como a delimitación dun percorrido de dirección única ou a contratación de persoal de seguridade privada.

As propostas recollidas no documento estratéxico do Arteixo CCA suporían un custo de menos de 2.000 euros ao mes para as arcas públicas.

Arteixo, 19 de febreiro. O Feirón dos sábados en Arteixo podería recuperarse de inmediato, con plenas garantías sanitarias e sen grandes investimentos. O Plan Global de Recuperación Económica de Arteixo (Plan GREA), impulsado dende o Arteixo Centro Comercial Aberto, inclúe varias medidas encamiñadas a ofrecer unha solución definitiva e evitar a súa cancelación cando non haxa impedimento legal, tal como acontece agora. De acordo cos protocolos da Xunta, os mercados ambulantes poden manter a súa actividade sempre que se reduza o número de postos e se garanta a distancia de seguridade, entre outros requirimentos que Arteixo cumpriu en todo momento.

No seu momento, adoptáronse as medidas precisas para cumprir os protocolos, pero nas últimas semanas o Concello volveu cancelar o mercado apelando ás dificultades para asegurar que os compradores garden as distancias en todo momento. É un problema que nunca se deu, pero o Plan GREA contempla medidas concretas deseñadas para minimizar ese risco. Por unha parte, proponse a delimitación dun percorrido de dirección única para evitar aglomeracións e pola outra, contémplanse reforzos de persoal de seguridade privada, en caso de que os efectivos da Policía Local e Protección civil non sexan suficientes.

O custo mensual da contratación de catro gardas de seguridade para as mañás dos sábados sería inferior a 2.000 euros, unha cantidade que a administración pode asumir sen dificultades. En contrapartida, permitiríase a supervivencia dunha actividade da que dependen 200 postos de traballo directos e que xera, só en Arteixo, un movemento económico estimado en 360.000 euros ao mes do que se benefician o comercio e a hostalería no seu conxunto. Antes da pandemia, unhas 2.500 persoas pasaban cada sábado polo mercado ao longo de toda a mañá, menos das que caberían agora mesmo, de forma simultánea, gardando a distancia de seguridade.