O Plan GREA prevé a implantación desta medida, con carácter provisional, durante un período de cando menos dous anos.

Dende o comezo das restricións en Arteixo, os locais de hostalería con terraza puideron traballar 32 días máis que aqueles que non a teñen.

Arteixo, 23 de febreiro. O levantamento dalgunhas restricións anunciado pola Xunta de Galicia volve situar á hostalería de Arteixo nunha tesitura xa coñecida: os establecementos con terraza poderán retomar a súa actividade de atención ao público, pero os que non contan con ela deberán permanecer pechados ou limitar o seu servizo á recollida en local ou reparto a domicilio. Vaise repetir unha situación de agravio comparativo que podería reducirse de forma significativa coa concesión de permisos para ocupar prazas de aparcadoiro na calzada, sempre que se adopten as medidas de seguridade oportunas para facer compatible este uso co tránsito de vehículos.

A medida, que xa fora solicitada o pasado mes de maio, está incluída no Plan Global de Recuperación Económica de Arteixo (Plan GREA) e podería introducirse con carácter inmediato. O documento estratéxico do Arteixo Centro Comercial Aberto propón a súa implantación, de forma provisional, durante un período de cando menos dous anos e establece, como medida compensatoria, a creación de novas zonas de estacionamento en soares baleiros. O custo para as arcas públicas sería practicamente nulo e as empresas teñen á súa disposición, actualmente, unha liña de axudas da Xunta de Galicia para a instalación, reforma e adaptación de terrazas.

O sector da hostalería dá traballo a máis de 300 persoas en Arteixo e o impacto económico das restricións foi moi desigual. Os locais con terraza puideron traballar 32 días máis no último ano e o desequilibro farase aínda maior, se non se adoptan medidas, a partir do próximo venres. As diferenzas de aforo no interior e no exterior determinaron, ademais, que algúns establecementos puideran facer uso, en promedio, dun 43% da súa capacidade mentres que outros tiveron que limitala ao 35%. Gardando a distancia de seguridade, dúas prazas de aparcadoiro liberadas permitirían a instalación de tres mesas e, en consecuencia, facer sitio a 12 clientes máis. A medida facilitaría a apertura de negocios que non teñen acceso a zona peonil.