1.200 familias con fillas e fillos en idade escolar poderán beneficiarse de múltiples vantaxes nos establecementos asociados.
Arteixo, 9 de novembro. O Arteixo Centro Comercial Aberto renovou o seu Convenio de Colaboración con 11 ANPAS de distintos centros educativos do concello para o presente curso escolar. O acordo formalizouse coa entrega duns carnés, que serán repartidos entre as familias con fillas e fillos en idade escolar e que servirán para solicitar descontos en moitos dos establecementos asociados. No acto de entrega participou a presidenta do Arteixo CCA, Paula Díaz, xunto a varios representantes das distintas asociacións coas que se asinou o Convenio, correspondentes a centros públicos, concertados e privados de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.
Os carnés son a principal novidade de este curso escolar e repartiranse, en total, máis de 1.200 credenciais. Contan cun distintivo identificativo de cada unha das ANPAS e un código QR co que se pode consultar, a través da web, cales son os comercios que lles ofrecen descontos. Este sistema ofrece a posibilidade de crear campañas dinámicas e facilmente actualizables, ao tempo que facilita de forma notable o acceso á información. Os carnés reportarán beneficios para as familias da vila e dende a dirección do Arteixo CCA confían en que sirvan tamén para impulsar as vendas no comercio local.
Tralo acto de entrega, Paula Díaz destacou a importancia de seguir apoiando aos distintos colectivos do concello nun ano tan complicado coma este. “O comercio e a hostalería están a atravesar un período de dificultades, pero somos conscientes de que a crise derivada da pandemia afecta ao conxunto da sociedade e agora máis ca nunca é necesario que todos colaboremos e poñamos da nosa parte para saír adiante”, indicou Díaz.