Con esta medida búscase adaptar as ceas ao horario imposto polas medidas de prevención da covid-19.

Arteixo, 3 de novembro. As medidas adoptadas para frear a propagación da covid-19 e, particularmente, o toque de queda fixado para as 23:00 horas, levaron a moitos establecementos de hostalería a ter que pechar nunha franxa que antes era de máxima actividade. Dende distintas entidades e asociacións profesionais veñen animando aos consumidores, nas últimas semanas, a adiantar a hora da cea para adaptala ás novas circunstancias e o Arteixo Centro Comercial Aberto quere sumarse e esta reivindicación, non só convidando aos consumidores a mudar os seus hábitos, senón axustando tamén o horario de peche dos establecementos comerciais.

Dende esta semana, moitas tendas de Arteixo pecharán ás 20:00 horas en solidariedade coa hostalería, un sector clave do que dependen moitos empregos na localidade. Deste modo, tanto os seus clientes como o persoal contarán cunha maior marxe de tempo para adiantar a súa cea, algo que podería contribuír decisivamente á viabilidade de moitos negocios. Se o horario de servizo é máis amplo, os bares e restaurantes poderán compensar nalgunha medida as consecuencias da redución de aforo e as restricións á mobilidade nocturna.

Dende a dirección do Arteixo CCA lembran que tanto o comercio como a hostalería da localidade veñen realizando un gran esforzo, dende o inicio das restricións, para adaptar a súa actividade aos protocolos sanitarios e ofrecer ao público, nos locais da vila, plenas garantías sanitarias para as compras e o lecer. A pandemia e as medidas adoptadas para facerlle fronte golpearon con dureza á economía local, por iso é preciso reiterar o chamamento a comprar e consumir nos pequenos establecementos de Arteixo, dos que depende o sustento de moitas familias.