A evolución da situación sanitaria era coñecida dende hai días e as medidas deberon ser anunciadas con máis antelación para evitar prexuízos á economía local.

Arteixo, 30 de outubro. Dende as 15:00 horas deste venres, 30 de outubro, o concello de Arteixo permanece pechado perimetralmente, conxuntamente co da Coruña, para impedir a entrada e a saída de persoas ata o martes vindeiro. A decisión tomouna a Xunta de Galicia en base a criterios epidemiolóxicos, pero a forma precipitada en que foi adoptada “pode resultar moi prexudicial para a economía local”, tal como indica a presidenta do Arteixo Centro Comercial Aberto, Paula Díaz. Ata poucos minutos antes da entrada en vigor das novas medidas, a administración non publicou o texto oficial e tanto comerciantes coma hostaleiros non tiveron máis información que a que coñecían a través dos medios de comunicación.

A evolución da situación sanitaria era ben coñecida dende hai días. A prensa e as autoridades sanitarias viñan advertindo dun crecemento continuo dos casos de covid-19. Outras comunidades autónomas anunciaran xa, con bastante antelación, que ían realizar peches perimetrais de todo o territorio ou dalgunhas cidades de cara a unha fin de semana marcada polas celebracións do Samaín e o Día de Defuntos. Pero en Galicia a Xunta agardou ata o último momento para anunciar unha decisión de enorme transcendencia.

Dende o Arteixo CCA recibiron a noticia “con sorpresa e estupefacción” e a presidenta da entidade que agrupa ao comercio e á hostalería local puido constatar ao longo da mañá a angustia de moitos asociados. “Non nos opoñemos a que se tomen medidas”, indica, “pero os negocios da vila tiñan xa organizado o seu traballo para a fin de semana sen contar con que puidera tomarse unha decisión así”. A situación, ademais, é especialmente complicada para a hostalería, que aínda descoñece se se van impoñer novas restricións á actividade no sector.