Arranca a fin de semana do motor Auto Arteixo con centos de vehículos de ocasión en oferta

Os seis concesionarios participantes abrirán as súas portas venres, sábado e domingo pola mañá respectando as novas restricións de aforo.

Arteixo, 22 de outubro. Xa está todo preparado para o inicio da fin de semana do motor Auto Arteixo. A partir de mañá, venres 23 de outubro, e ata o domingo a mediodía, os seis concesionarios participantes porán a disposición do público centos de vehículos de ocasión, de todas as marcas e con prezos axustados a todos os petos. O evento, organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto, vén cubrir o oco deixado pola Feira do Motor, que este ano non se puido celebrar co seu formato habitual por motivos sanitarios.

As novas restricións establecidas dende a Xunta de Galicia fixan unha limitación de aforo do 50% para os establecementos comerciais, unha norma que será respectada de maneira estrita durante a celebración destas xornadas de portas abertas. Do mesmo modo, tanto as instalacións como as unidades en exposición serán hixienizadas e desinfectadas polo persoal dos concesionarios de acordo cos protocolos establecidos dende as autoridades. Dadas as circunstancias actuais, o criterio sanitario foi o que prevaleceu á hora de deseñar o formato do evento.

Alén das ofertas especiais en automóbiles, o evento repartirá tamén agasallos entre todo o público que se achegue a Auto Arteixo durante a fin de semana. As persoas que visiten tres concesionarios diferentes recibirán un regalo seguro e aquelas que merquen algún vehículo participarán no sorteo de 300 euros en combustible. Os establecementos participantes son Arte Móvil, D&D Automóviles, Listauto, Senra Sport, Talleres Mosquera e Tengo tu Coche.

Ofertas especiais, regalos e un sorteo de 300 euros en combustible na fin de semana do motor Auto Arteixo

Seis concesionarios participan nunhas xornadas de portas abertas plenamente adaptadas aos protocolos de prevención da covid-19.

Arteixo, 19 de outubro. Durante tres días, do 23 ao 25 de outubro, todos os condutores que estean buscando coche e os amantes do motor en xeral terán o seu punto de encontro na primeira edición da fin de semana do motor Auto Arteixo. Seis concesionarios abrirán as súas portas venres, sábado e domingo con centos de vehículos de ocasión en oferta e moitos agasallos para repartir. Quen visite tres establecementos diferentes recibirá un regalo seguro e ao rematar o evento realizarase, ademais, un sorteo de 300 euros en combustible entre todos as persoas que merquen algunha unidade.

Estas xornadas de portas abertas e toman o relevo da tradicional Feira do Motor da localidade, un evento que congregaba en cada edición a un maior número de persoas. Este ano, atendendo á situación sanitaria e como medida de precaución, o Arteixo Centro Comercial Aberto decidiu mudar o formato para evitar aglomeracións e protexer, deste modo, a saúde de todos os participantes. Tal como veñen facendo no seu traballo cotián, os establecementos manterán as limitacións de aforo establecidas dende as autoridades sanitarias e garantirán a hixiene e desinfección tanto das instalacións como das unidades en exposición.

O catálogo de automóbiles a disposición do público abrangue todo tipo de marcas e modelos, con ofertas adaptadas ao orzamento dispoñible para cada cliente. Dende coches de alta gama ata utilitarios máis modestos, todos eles avalados pola profesionalidade e a experiencia dos talleres e concesionarios inscritos. Moitas das unidades en oferta xa se poden revisar na edición online do evento, a través das redes sociais do Arteixo CCA, onde se están subindo diariamente novos coches. Os establecementos participantes son Arte Móvil, D&D Automóviles, Listauto, Senra Sport, Talleres Mosquera e Tengo tu Coche.