A asociación ofrece colaboración a todos os establecementos de Arteixo que desexen adherirse á campaña, estean asociados ou non.

A iniciativa desenvolverase a través dunha aplicación móbil e cada comercio poderá ofrecer aos seus clientes ata 5.000 euros en descontos.

Arteixo, 21 de abril. O Arteixo Centro Comercial Aberto iniciou unha campaña de promoción dos Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia dirixida a todos os establecementos da localidade, independentemente de que estean asociados ou non. O proxecto ten como obxectivo incentivar o consumo en toda Galicia e vai mobilizar máis de 55 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade. Os negocios interesados poden poñerse en contacto coa Asociación ou inscribirse directamente a través da páxina web www.bonosactivacomercio.gal. Unha vez adheridos, poderán solicitar ao Arteixo CCA o distintivo da campaña, preciso para ser identificados polos clientes, xa que a Xunta decidiu xestionar o envío da documentación a través das asociacións.

O xerente do Arteixo CCA, Emiliano Cossini, expresou a súa confianza en que o lanzamento dos bonos contribúa á reactivación da actividade comercial, de feito era unha das propostas incluídas no Plan GREA. “Dende a Asociación levamos case un ano defendendo que as campañas de incentivo ao consumo son a mellor axuda para manter vivo o tecido económico, por iso estamos satisfeitos ao ver que a Xunta estea na mesma sintonía”. Segundo Cossini, “para que os bonos funcionen temos que conseguir a adhesión do máximo número de establecementos, asociados ou non, por iso estamos ofrecendo asistencia técnica a todo o mundo”.