As compras en moitos postos do mercado ambulante servirán para participar nos xogos e nos sorteos da asociación de comerciantes.
Este sábado, 19 de decembro, o stand onde se repartirán centos de premios e vales de desconto estará instalado na Avenida do Balneario.
Arteixo, 18 de decembro. O retorno do Feirón tras varias semanas de suspensión supuxo unha boa noticia para o conxunto da economía local. O Arteixo Centro Comercial Aberto e os ambulantes tiveran unha reunión onde amosaran a súa intención de poñer en marcha iniciativas conxuntas de dinamización comercial, un anuncio que se materializará a partir desta fin de semana coa incorporación dos feirantes a algunhas das actividades incluídas na programación especial de Nadal. As compras en moitos dos postos servirán para participar nos xogos e nos sorteos organizados pola asociación que agrupa a comerciantes e hostaleiros.
Cada sábado, ata próximo 2 de xaneiro, o Arteixo CCA seguirá repartindo centos de agasallos e vales de desconto nun stand que irá cambiando de emprazamento. Esta fin de semana estará situado na Avenida do Balneario, moi pretiño da zona onde se instala o Feirón, e os postos adheridos á promoción repartirán vales entre os seus clientes que servirán para participar en distintos xogos. A iniciativa xa se puxera en marcha a semana pasada, se ben naquel momento só se podía optar aos premios presentando un ticket de compra dos establecementos asociados. Agora o comercio ambulante será tamén partícipe dos sorteos.
Arteixo CCA e feirantes confían en obter un beneficio mutuo da súa colaboración, que servirá para ofrecer aos seus clientes unha proposta máis ampla, atractiva e segura. Ambas partes avanzan unidas no deseño de solucións imaxinativas para afrontar a crise derivada da covid-19 e esperan contar co respaldo das distintas administración para o desenvolvemento de novas iniciativas de dinamización comercial. Empresarios e profesionais do sector manteñen o seu compromiso cun comercio seguro, sustentable e que sexa un motor económico para a vila.