A doazón foi realizada por D&D Automóviles, establecemento asociado ao Arteixo CCA, en colaboración con Tiko Doco.

Cáritas Arteixo encargarase de distribuír os regalos entre unha trintena de nenas e nenos da localidade.

Arteixo, 5 de xaneiro. A celebración do Nadal serviu, este ano, para reforzar a colaboración do comercio local de Arteixo co tecido social da localidade. As iniciativas de carácter solidario multiplicáronse nos últimos meses para paliar os efectos económicos da pandemia e no marco destas accións algúns establecementos asociados ao Arteixo CCA quixeron ir un paso máis alá. É o caso do concesionario D&D Automóviles, que coincidindo coa celebración do Día de Reis realizou unha doazón dun palé de xoguetes para as familias con menos recursos.

A iniciativa partiu da propia empresa, que contou coa colaboración doutro establecemento asociado, Tiko Doco, para a adquisición dos xoguetes. Cada un deles foi seleccionado de acordo coas preferencias dunha trintena de nenas e nenos, que previamente escribiran as súas cartas aos Reis Magos. Cáritas Arteixo será a entidade encargada de distribuílos entre as familias da localidade coas que traballan de forma habitual.

David Pena, propietario de D&D e membro da directiva do Arteixo CCA, explicou durante a entrega que “neste momento é moi importante apoiarnos mutuamente para saír adiante”. Con respecto á súa motivación para poñer en marcha unha iniciativa deste tipo, declarou que “o que para algúns non é máis ca un pequeno esforzo, pode supoñer unha enorme ilusión para unha nena ou un neno que habitualmente non pode gozar de regalos coma estes”.