A dirección do Arteixo CCA comparte a preocupación pola situación epidemiolóxica, pero recibe as novas restricións coma “un mazazo”.
O pequeno empresariado reclama que as axudas públicas non vaian dirixidas só aos establecementos que se vexan na obriga de pechar.
Arteixo, 19 de xaneiro. Frear a propagación da covid-19 é a máxima prioridade neste momento en Arteixo. Tamén para o pequeno comercio e a hostalería, onde existe preocupación ante a elevada incidencia rexistrada nas últimas semanas, pero as medidas que a Xunta acaba de anunciar para a localidade poñen en perigo a supervivencia de moitos negocios. A dirección do Arteixo Centro Comercial Aberto recibiu a noticia coma “un mazazo” e agarda que as novas restricións veñan acompañadas de axudas por parte das administracións.
O peche da hostalería supón o terceiro parón para a economía local en menos dun ano. A presidenta do Arteixo CCA, Paula Díaz, indica que “sobre o papel non se pechan as tendas, nin os salóns de peiteado ou as empresas de servizos turísticos, pero redúcese ao máximo a posibilidade que desenvolvan o seu traballo de forma viable”. Por outra parte, existe a incerteza permanente de non saber que medidas se van adoptar nun futuro inmediato. A administración toma as decisións dun día para outro, sen contar cun plan de acción estable que permita realizar previsións en función da evolución da curva epidemiolóxica.
O Arteixo CCA vai iniciar unha rolda de contactos, esta mesma semana, con todos os sectores implicados na actividade económica local para definir unha estratexia colectiva encamiñada a minimizar os danos. A directiva da asociación reclama que as axudas públicas non vaian dirixidas só aos establecementos que se vexan na obriga de pechar, senón a todos os negocios que, a pesar de seguir abertos, vaian sufrir unha importante redución de ingresos a raíz das novas restricións e a paralización da vida social.